domingo, 28 de febrero de 2021

conversas.com
Celsa Lastres Radío

Mestra meañesa


Aos seus 85 anos, desde Bandeira, onde está afincada, a mestra meañesa Celsa Lastres Radío (Abuín-Dena, 1935) rememora aqueles anos nas escolas nacionais unitarias. Boa parte dos seus anos de docente estiveron ligados a Castrelo, onde impartía clase na escola do Castro. Desde este Ventanuco, ás portas do 8 de marzo (Día da Muller Traballadora), o noso recoñecemento para unha labor vocacional dunhas mestras (e mestres) cando aínda se mantiña o dito de “pasas máis fame que un mestre de escola”. 

"A LEMBRANZA DA ESCOLA DE CASTRELO É A DOS BOÍSIMOS ALUMNOS QUE TIVEN"


Foi vocacional o de ter ser sido mestra?
En gran parte si, era algo que me gustaba desde nova. Quizáis puiden ter estudado outra cousa, pero daquela tampouco había moitas portas para as mulleres cando queriamos estudar unha carreira.
Vostede nace en 1935, un ano do estoupido da Guerra Civil. Marcouna este coflito dalgún xeito?
Si, moito, porque nela finou o meu pai, Daniel Lastres, que daquela estaba combatindo na frente de Aragón. Contáronme que baixou a por auga ata un regato, para comer, e daquela unha bala perdida deu con el. Eu nunca o coñecín, fun o que se di unha orfa da guerra. Cousas da vida, aquela morte fixo que eu poidera estudar nos colexios de orfos pola guerra. E así fixen a carreira, primeiro estudando nun desos colexios en Zamora e logo en Pamplona.


A mestra Celsa Lastres

Lembra en que ano empezou a dar escola e cal foi o  seu primeiro salario?
Sí, empecei dando clases en Silleda en 1958, cando eu tiña 23 anos. O salario daquel primeiro mes foron 1.300 pesetas (isto é, 7,8 euros para todo o mes).
Cando veu para Castrelo?
Primeiro pasei por Vila de Cruces, logo voltei a outra parroquia de Silleda, chamada Senra, onde din escola seis anos. E desde aí fun para Castrelo. Era o ano 1968, e asignáronme a escola unitaria que había no Castro. Era unha escola vivenda (cando lle ensinamos a foto dese inmoble, que hoxe oficia como local das Mulleres Rurais, ela acláranos: “daquela estaba pintada en branco”).
Como lembra aquela escola de O Castro?
Era unha casa-escola. Na pranta baixa estaba a aula, a arriba, na primeira, a vivenda da mestra. Empezou sendo escola femenina, e a ela viñan nenas de entre 6 e 14 anos, todas xuntas, ata houbo un curso no que cheguei a ter 83 alumnas. Como daquela non había matrículas, nen rexistros, en Inspección apenas sabían cantos alumnos tiñamos na realidade. Pese a esa cifra eu intentei ensinar e atender a cada unha en función da súa idade e do seu progreso. Eu deilles clase de todo: matemáticas con álxebra, mesmo con ecuacións, lingua, xeografía e, co tempo, ata francés. Sempre loitei para que tiveran o certificado de Estudos Primarios, e daquela púxenme dacordo con Suso Jorge Campos, que era outro mestre de Castrelo. Xuntos logramos que nos autorizaran a facerlles o exame para o título, e daquela viña o inspector Jorge Vázquez, que era cura, e que estaba presente na aula durante a proba.


Imaxe que mostra hoxe a que foi antiga escola do Castro en Castrelo

E vostede vivía enriba?
Nos primeiros anos non, porque seguín vivindo coa miña nai en Abuín, Ela era Elvira Radío Límeres, máis coñecida en Dena acomo Elvira "A Campona". Logo, cando finou, instaleime coas dúas fillas na casa da escola en Castrelo.
E o seu marido?
El era de Bandeira e durante tempos, como quen di, vivimos separados, pola semana en Castrelo e os fins de semana iamos a Bandeira.
Cal é a primeira lembranza que lle ven a cabeza cando lle menciono aquela escola de Castrelo?
A dos boísimos alumnas e alumnos que tiven, e a duns pais e nais que se portaron de marabilla conmigo.
Algún libro de cabeceira adoitaban ter os alumnos naquelas unitarias?
O que mais lembro son os libros da editorial Álvarez, cun primeiro, segundo e terceiro grao, en función dos niveis. Cada un desos libros incluía leccións de todas as materias.
Ata cando se mantivo aquela escola unitaria de Castrelo?
Ata 1976, en que naquel curso 1976-77 abría o Colexio de Castrelo. Os mestres que estabamos nas diferentes escolas unitarias da parroquia, que desde fins dos anos 60 fixéronse xa mixtas coa chegada da E.X.B., pasamos a formar parte do persoal co Colexio Nacional, que así se chamaba entonces. (A Celsa Lastres, acompañárona así Suso Jorge Campos que impartía escola na Bouza, Dolores Segunda Vila Méndez e Francisco Barros Barros que daban escola no Couto-Lourido; e María Mouriña Arias, da escola de Serantellos).


Homenaxe dos ex alumnos de Castrelo a Celsa Lastres a mediados dos anos 80

Ata cando deu vostede escola en Castrelo?
Ata 1980 en que viñen para Bandeira coas fillas para estar toda a familia xunta. Desde aquela din escola aquí no colexio, e logo cando chegou a lei de ensino obrigatorio ata os 16 anos, pasei a dar no IES, onde impartín Galego. Así ata o ano 2000 en que me xubilei aos 65 anos.
Mire que vostede pasou por leis educativas: as unitarias, os colexios da EXB, o instituto de secundaria… Despois de tantos anos, e se mira atrás: sinte que hai alumnos que aínda se lembran ben de vostede?
Sempre hai cousas que se lembran e persoas que te lembra. Lembro dun xeito expecial que a mediados dos anos 80 os alumnos de Castelo fixéronme unha homenaxe e convidáronme a compartír con eles un xantar en Castrelo. Foi moi emotivo que se lembraran de min pasados xa catro ou cinco anos de que estaba en Bandeira. Foi moi gratificante, moi bonito, son cousas que se levan no corazón.


ooooooooooooooooooooooooooooooooooooooo

NOTA: Se eres ex-alumn@ da mestra Celsa Lastres na escola ou colexio de Castrelo, e queres contactar con ela podes escribir ao correo-e: susarola2@gmail.com


ooooooooooooooooooooooooooooooooooooooo
 

sábado, 20 de febrero de 2021

TAL COMO ERAMOS…

Entrada fotográfica a deste fin de semana, voltando a vista nostálxica atrás buceando no faiado da memoria. Do álbum rescatamos esta foto da escola feminina de Xil, sita no lugar de Picón, curso 1965-66. Debaixo identificamos ás rapazas desta promoción, coa mestra Rosa Varela, que viña no Balea cada luns ao mediodía para empezar a semana impartindo escola pola tarde, e que logo completaba os sábados de mañán. Ditados, operacións de matemática básica, xeografía, historia sagrada, vaso de polvo en leite a media mañán e rezo do "Angelus" ao sair... Así vivían, así aprendían e así somos hoxe. Desde aquí o noso agradecemento a todas esas maiores que fixeron posible a historia que recollemos, con cariño en Xil, a siña Fina, Etelvina, Olga e Alicia.


Escola feminina de Xil, curso 1965-66
Foto: arquivo familiar de Olga García

Silueteado de identificación

FOTO DA ESCOLA DE NENAS DE XIL (curso 1965-66)

  1. Teresa Padín Varela
  2. MESTRA:  Rosa Varela
  3. Mª Carmen Canario
  4. Rosa Padín Varela
  5. Laura Varela Camiña
  6. Mª Carmen Joven
  7. Olga García Arosa
  8. Videlina Ruel
  9. Mª Carmen ¿García?
  10. Mª Carmen Naveiro
  11. Alicia Pintos
  12. Mª Carmen Solla
  13. Mª Carmen García
  14. Dolores Dios
  15. Mª Carmen Feijóo
  16. Mª Carmen Bemposta
  17. Mª Carmen ¿....?
  18. Rosa Varela “Rosiña”
  19. Mª Carmen "do Roxo"
  20. Teresa Chantrero
  21. Mª Carmen "de Barreiro"
  22. Sara Pintos
  23. Dosinda Romay
  24. Mª Carmen Ruel
  25. Margarita Pintos
  26. Mª Carmen "de Pintos"
  27. Ramona Romay
  28. Teresa Feijóo
  29. Clara Canario
  30. Rosario Sueiro
  31. Gloria "de Antón"
  32. Ramona "de Pintos"

Para calquera suxerencia, corrección ou para completar nomes escríbenos a
poloventanuco@gmail.com


oooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooo

PLENO DE MEAÑO & "O camarote dos irmáns Marx"

Adxuntamos tamén o enlace para visionar o pleno ordinario do concello de Meaño desde pasado venres, 19 de febreiro de 2021. Ao pouco que leves uns 10 minutos coincidirás co título que nos propón un lector: "EL CAMAROTE DE LOS HERMANOS MARX"  😅 😅 😅 😅

Pleno de Meaño, 19 de febreiro de 2021









domingo, 14 de febrero de 2021

ENQUISA: Unanimidade?

Nesta entrada publicamos o resultado da enquisa realizada a través deste Ventanuco nesta pasada semana. Unha enquisa á que, tal e como se informou, só se podía a,cceder abrindo sesión en Google. Durante a semana (para os que tiveran dúbidas) o lector podía ir comprobando os resultados que se ían obtendo pinchando en "ver respuestas anteriores" que aparecía na páxina abaixo. Aquí deixamos o resultado final da mostraxe na que votaron 60 persoas:



A enquisa pretendeu ser unha canle para informar e facer oir a túa voz. Nen máis nen menos. E os resultados obtidos amosan que a petición do servizo de pediatría para Dena (tal y como se viña prestando sempre) non é tan unánime como pretenden facer ver os políticos municipais (todas as formacións). Ata o de agora argumentábase que isto era unha petición que dicían "unánime" por parte dos meañeses e meañesas. Visto o visto arriba, semella que está lonxe de selo, que non podemos falar de "dereitos conculcados", de "renunciar a dereitos que nos corresponden", da "marxinación d@s nen@s do rural"... Argumentos aderezados con palabras edulcoradas por eufemismos que se repiten como latiguiños. Cando se trata disto, se un ten fill@s en idade pediátrica pensa primeiro no benestar e atención completa aos seus fill@s; outros, antepoñen o rédito político que poidan quitar para si. Non estaría mal que se reprantexaran cousas, ou non? 

NOTA: Somos tan humildes que a este Ventanuco non lle poñemos nen vidro (para que así corra o aire 😄😄). Lembra, se queres compartir algo, este ventanuco témolo permañentemente aberto: escríbenos a  poloventanuco@gmail.com


sábado, 6 de febrero de 2021

 ENQUISA: o pediatra, onde?


Colea a ausencia  do pediatra no centro de saúde de Coirón-Dena. Non obstante, abrimos este particular Ventanuco para botar luz sobre o tema. O que vertemos nesta entada non é opinión, senón información que constatamos presencialmente, tendo coñecido in situ a situación. Despois de ler, ao final desta páxina servimos a pregunta real que deberiamos facernos para coñecer a túa opinión na enquisa que servimos
. 


Como se prestaba o servizo de pediatría que existía en Dena?

Horario de consulta pediatra: de 8,00 a 11,00 horas (de luns a venres). Logo, na segunda metade de mañán, ese  mesmo pediatra prestaba o servizo no concello de Meis.
Horario da consulta de enfermería: de 8,00 a 11,00 horas. Era @ mesmo@ enfermeir@ que, a partir de media mañán, subía  Meaño para prestar os servizos co centro de saúde de As Covas, dando así cobertura ao doctor Gil Cons.
Vacacións, permisos, baixas, ausencias por indisposición: durante ese tempo, Dena quedaba sen pediatra (pola falla de profesionais no ramo, razón esgrimida polo SERGAS desde fai anos). Cando iso ocorría, aos meañeses, xeralmente, non lle quedaba outra que acudir ao servizo de urxencia en Baltar ou, no seu caso, solicitar para ser atendido en Dena ou Meaño pola médicaode familia.


Centro de saúde de Baltar en Portonovo
 
Como se presta o servizo de pediatría que se ofrece agora en Baltar aos meañeses?
Nº de pediatras que existían antes en Baltar: 2
Nº de pediatras que prestan servizo agora en Baltar: 3 (o terceiro é o profesional que antes repartía xornada entre Meaño e Meis, e que agora atende en Baltar ás familias de ambos concellos).
Horario de consulta pediatría: de 8,00 a 15,00 horas (de luns a venres).
Horario da consulta de enfermería: de 8,00 a 15,00 horas. A ausencia de pediatra en Dena permite que @ enfermeir@, que antes prestaba servizo alí en Coirón durante media mañán, poida prestar os seu servizo xa a xornada completa no centro de saúde de As Covas de 8,00 a 15,00 horas.
Vacacións, permisos, baixas, ausencias por indisposición: cando isto ocorrra os meañeses non quedarán sen servizo de pediatría en Baltar, ao repartirse os outros dous profesionais, cando proceda, a axenda do pediatra ausente.
 
Tamén cabería lembrar a situación do profesional de pediatría: se sería mellor para o seu rendemento e estabilidade dividir xornada entre Dena e Meis, pasanado un tempo -e risco- cada día na estrada entre estos esos concellos, ou ben sería máis axeitado que ese profesional emprege ese tempo de estrada en prestar consulta nun centro estable.
 

A continuación servimos a enquisa. O seu carácter é totalmente anónimo, nin desde este Ventanuco pode coñecerse ao votante, por canto o lector non emite resposta algunha por correo. Para poder votar e participar na enquisa deberá abrir a sesión en Google. Cada lector só poderá respostar unha soa vez. Para respostar pinche dentro do círculo da opción que elixa. Unha vez emitida o reposta, non poderá modificala. 

 ESTA ENQUISA PERMAÑECE ABERTA ATA O VENRES 12 DE FEBREIRO ÁS 23'59 HORAS


Unha valoración que debería implicar máis ás nais e pais con nen@s en idade de atención pediátrica, ou a aquelas/les que estén pensando en selo. Porque isto son os que mellor entenden o que é cubrir a súa necesidade de atención aos fill@s. Por favor, emita unha valoración pensando unica e exclusivamente en como estaría mellor atendid@ o seu fill@