O Estado contra min
A recente aprobación e liquidación do canon de vertedura aplicado
polo concello de Meaño a instancias da Xunta é unha proba máis do atropelo da
administración pública con respecto ao administrado. O é tanto polo xeito de
proceder para a súa aplicación por parte de un, como polo criterio establecido
por parte de outro.
EDAR de Os Pasales en Dena |
No tocante ao
proceder da administración local -esa que sempre se define como a máis cercana
ao cidadán- o atropelo está en
birlarlle ao administrado un dos dous recursos administrativos aos que, en boa
ética, debería ter dereito. Tratándose dun imposto novo procedería abrir
primeiro un período de exposición pública cun prazo de alegacións, o que suporía a posibilidade dun primeiro recurso ante a administración local que serviría para detectar e
correxir de entrada posibles erros, á par que evitar as queixas, o malestar e
os quebradeiros de testa que se están a padecer agora. O que fixo, en cambio, o
concello foi saltarse este paso e remitir directamente unha liquidación
impositiva, ante a cal só cabe un único recurso de reposición contra a
liquidación. Se este é resolto desfavorablemente por parte da administración de
turno non cabe máis opción de reclamación, agás a xudicial, unha vía á
que -ben o sabe quen resolve- ninguén vai acudir tratándose dunha cuantía
menor.
Por parte da
administración autonómica o atropelo está e equiparar auga verquida á rede de
sumidoiro á auga consumida. Con este criterio o rural sae ostensiblemente
perxudicado, porque unha parte -en ocasións considerable- da auga consumida o é
empregándoa para rego de pequena horta ou xardín, polo cal é agua que non vai
parar á rede de saneamento e que, sen embargo, si están fiscalizando como tal.
Mentras, administrados que se abastecen de traídas veciñais ou pozos, poden ata
saír beneficiados en casos ao impoñerlles un canon mínimo -sobre o que tamén
cabería discutir o criterio seguido para o seu cálculo- con independencia da
cantidade real de auga verquida. Supoñemos que hoxe, tecnoloxicamente, é
posible dotar á rede dos mecanismos de medición das augas residuais que chegan
a ela desde cada domicilio en aras a acadar un canon impositivo equitativo,
principio ao que debe aspirar toda administración que se tilde de “pública” e
que, como tal, debe antepoñer a xustiza social dos seus administrados.
No hay comentarios:
Publicar un comentario