IN MEMORIAM: JUANÍN
A
nova do pasamento de Juan Calviño “Juanín” colleunos de sopetón, cun desos calafríos
que a vida nos depara cada vez máis a miudo, conforme nos facemos maiores. No
fondo, fainos ir acostumando a un destiño inevitable.
Nado
nunha familia de mestres, que foron Paco Calviño e Pura González, criouse na casa da
mestra da escola de Outeiro e, por momentos, vinculado ao Pazo de Lis por parte
de pai, e que ben lembraba da infancia. Legoulle á parroquia de Meaño a súa labor
en pro da traída da auga veciñal do Limoar (á máis grande da parroquia), a súa
paixón polo aeromodelismo xa nos anos 70, pola cinexética para alumear o o coto
e logo Tecor de Meaño, ou pola apicultura nas súas colmeas da Toxa, sendo un dos
primeiros meañeses en alertarnos sobre o risco da velutina que estaba asomando
por estos lares.
En
falta imos botar os parrafeos con el arredor das historias de Meaño, da que era un
amante, e que adoitaba ilustrar con vivencias que aderezaba coa retranca e
risas dunha memoria clarividente. El, que tanto nos axudou a perfilar o Pazo de
Lis da súa infancia, a historia das escolas meañesas nos tempos da ditadura
franquista, que nos puxo sobre a pista daquel motín de popular 1953, ou sobre algúns
represaliados da Guerra Civil… Sinto que algunha das que falabamos quedou a medio
escribir e que non poderá ler, outras aínda pendentes e merecidas de ser contadas.
A el gustaríalle. Nós seguiremos a iso. Ao cabo
decatámonos que, cando buscas, o mellor que atopas non son as historias,
son esas persoas entrañables. E Juanín era unha delas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario