sábado, 23 de marzo de 2024


IN MEMORIAM: AMPARO

Apagáronse as túas 68 primaveras, precisamente cando esta última nos saudaba co día de San Bieito. Xoves azul, que se tornou gris cando te fuches, silandeira, desexando con enteireza apagarse entre os teus.
Meaño perde unha desas mulleres, bandeira dunha xeración. Tan ousada como solidaria, traballadora de pro, sempre presta a botar unha man na parroquia, con ese don de saber alternar de xeito natural con novos e vellos, con esa carraxe espontánea coa que te alporizabas calquera día, pero que ao seguinte borrabas cun sorriso aberto, co que desarmabas todo, e cunha xenerosidade a túa que che frorecía a borbotóns. E, como non, co teu saleiro á hora de saír con donaire ante calquera ocurrencia, para botar unha risotada co interlocutor que facía que todo fluira dóce.
Deixas nos que te quixeron un desos vacíos tan grandes que nunca se enche. Deixas apertas por dar, sorrisos por compartir e, para todos aqueles que te temos coñecido, deixas unha esencia no aire, atrapado nun xesto que queremos aprehender para que non te vaias nunca. Mentras a mente nos aguante, seguirás ao carón. Sempre.

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario