sábado, 18 de julio de 2026

 In memoriam

SUSO SEIJAS

Foi un corazón humilde e xeneroso, desos que seguro rompeu de tanto dar. Traballador incansable, que sempre te acollía cun sorriso calmo cando ías pola súa casa, presto a ofrecerche unha boa conversa arredor dun albariño do seu “Lagar O Parral”, feito das súas cepas e mans, que facía emerxer en calquera a ledicia de compartir mentras vivimos.
Suso pertencía a unha desas xeracións de artesáns do albariño e estaba metido na allada cando en 1997 concebiron para Meaño organizar o “Encontro do Viño de Autor”, con protagonismo para os pequenos adegueiros, sempre presentes en carne e óso. Un evento aquel transformado hoxe en “Festa do Viño”, pero co egocentrismo xa trasladado a outras vides que todos vemos.


Amén de adegueiro, coas súas mans e as do seu irmán Finso, alambrou ducias e ducias de parras de albariño alí onde requerían os servizos de mans duchas e sabias. E cada vez que petabamos á porta, sempre estaba presto a colaborar a súa adega coas iniciativas culturais de "A Cova do Trasno" e a Asociación GAM., cun sorriso apacible e sen agardar nada a cambio.
Seguiu a tradición herdada dos seus pais, e formalizou a adega xa en 1988 ao amparo do Consello Regulador Rías Baixas, que xusto viña de xurdir. E non só se quedou no albariño senón que, metido no relevo xeracional cun dos seus fillos, apostou por sacar ao mercado “Con da Cabalaria”, un Rías Baixas tinto, que está xa no mercado desde 2019, e que mesmo pode degustarse no furancho da familia en Lores.
Sabor amargo o que nos deixa a ausencia arredor dunha copa, mais o afrutado da persoa perdurará nos seus viños. E tamén nese “Con da Cabalaria” que voltaremos a arrolar un día no seu relembro, para acabar brindando na súa adega como a el lle gustaría vernos. 

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario