Tal e como anunciabamos na entrada anterior, achegámonos aos grandes problemas que temos diante en Meaño. Compre que os candidatos a estas eleccións poñan mans a obra (non ao papel), e que aporten propostas de actuación contundentes en aras a solucionalos. O primeiro, o problema demográfico, que contaciará a outros eidos.
A PIRÁMIDE MEAÑESA CÁESE
O envellecemento da poboación en España, e
Galicia en particular, anunciábase a fins do anos 80, cunha antelación de 15-20
anos. Desde fai unha década estamos metidos xa na espiral que se acentúa nos últimos
anos. O cortoplacismo desta partidocracia, que non ve máis alá dos catro anos,
céganos. En Meaño, tamén. Chegado o caso, as consecuencias dese cortoplacismo
aceptaranse como un mal inevitable. Aquí propoñémosche ver máis alá, alimentar
o espíritu crítico desde esta información.
A PIRÁMIDE MEAÑESA CÁESE
Un análise da actual pirámide demográfica de Meaño ponnos en alerta do problema crecente, e ao que urxe procurar solución. A estas alturas non se trata de prevención, senón de actuacións concretas e decididas para tentar poñer solución a un problema ao que, de por si, xa chegamos tarde, tirando o tempo (e o pingüe remanente de tesourería) neste último mandato de catro anos. Un goberno local desta lexislatura que non levantou a mirada nunca do asfalto, para mirar arriba, e ao futuro das xentes de Meaño como comunidade que somos.
O municipio de Meaño acadou o máximo histórico
de poboación en 1987 con 5.987 habitantes (a piques do 6.000). Nos anos 90 xa se
vislumbraba o cambio de tendencia, rexistrando o máximo da década en 1995 con
5.575 meañeses. A entrada do século XXI confirmouna de cheo, agudizándose aínda
máis nos últimos anos. Hoxe somos 5.292 habitantes, achegándonos aos 5.271 que
eramos en Meaño… En 1940! Tal e como marchan as cousas, dos case 6.000 de 1987 estamos preto dos 5.000… En menos de 30 anos!. Perder esos 5.000 habitantes sería
baixar un chanzo na concesión de subvencións das administracións, isto é, pasariamos
a recibir menos diñeiro e, á postre, traducirse na baixa de investimentos e
servizos.
Pero unha análise detida da nosa pirámide apunta datos aínda máis preocupantes. Aqueles 5.271 habitantes de
1940 pouco teñen que ver con 5.292 de hoxe. Aquela, entonces, unha poboación xoven, que
era a maioría da base da pirámide. En 2022, e aquí vai o dato, 1.701 meañeses
teñen máis de 60 anos, isto é, o 32,14% ou, na práctica, 1 de cada 3 meañeses
teñen xa 60 anos ou máis. O envellecemento a poboación agrava o problema no que
estamos metidos.

O número de matrimonios en Meaño augura a tendencia
O futuro
A pirámide de poboación é o gráfico que nos permite
analizar a estructura da poboación por grupos de idade e sexo. Pero tamén ten
outra utilidade, da que tiran os xeógrafos: anticipan o futuro. Así pois,
voltando a nosa pirámide, concluimos que, para dentro de 15 anos acadará os 60
anos o chanzo de 45-49 anos, e logo o de 40-44, ambos os máis grandes da
pirámide (ver foto arriba). Traducido en datos: para dentro de 15 anos, a poboación de 60
anos ou máis, acadará en Meaño unha cifra 2.300, sobre a que cabe descontar a
mortandade media nesos grupos de 45-49 anos e 40-44, que nos levará, cando
menos, a un número que ronde os 2.000 (é dicir, tendo en conta ademáis a
merma demográfica iremos camiño de que case o 40 por cento do poboación terá
esos 60 anos ou máis).

Así as cousas, a tendencia indica que Meaño terá
un poboación cada vez envellecida, á que cabe atender e dar servizo.
Polo intre, desde fai 17 anos, Meaño conta cun Centro Rural Polivalente de
atención á terceira idade, que abría as portas no anos 2006. Desde entonces veu funcionando en base ao
“Plan Concilia” da Xunta, un centro que, desde fai anos, está completo. Esta instalación non pode
ofrecer respiro familiar a máis de 20 personas por tarde, nen por espazo nen
persoal. Durante este último mandato, o goberno Carlos Viéitez non moveu un
ápice no senso para mellorar o mesmo que Meaño ofrecía en 2006.

Proxecto comprometido en 2019 por Carlos Viétiez, e nunca acometido, que incluía o Centro Social Polivalente en Dena
Pero máis. No seu programa electoral de 2019
figura, textualmente, baixo o epígrafe de “compromisos”, o de “construir unha
gran área social cultura e lúdica no centro de Dena, dotada con apacardoiro,
unha gran praza, un edificio multiusos e un Centro Social Polivalente” (ver arriba foto do programa electoral en 2019). Neste
tempo, nada, nen en Dena nen en parroquia algunha. O papel aguántao todo nas campañas electorais. E así
veu funcionando un sistema de por si insuficiente no presente, non digamos para
o futuro, tendo en conta o que nos ven enriba nos vindeiros 15 anos.
Cales son as propostas para contribuir a
solucionar esta encrucillada? Desde aquí, apuntamos dúas vías, as cales deben
ser complementarias, que perfilamos a continuación, apuntando solucións concretas, se queren estimalas os políticos locais, a quen corresponda.

Atención aos maiores
Construir un Centro da Terceira Idade, amplo e
digno, que combine a estadía de día e pernoctas, a xeito de respiro para dar
cobertura ás ausencias familiares. É dicir, que a estadía de noite sexa só ocasional,
non podendo superar un número de noites por ano, poñamos por caso, un máximo de
30 por ano. Serviría como desafogo para que, ante viaxes profesionais, descanso
vacacional ou similar, a familia poida recurrir a este servizo para non deixar
ao maior en soidade, e que poida ficar esa semana, esos días, ao coidado, en
compaña de conveciños, e no ambiente do seu pobo. No caso de que a xestión laboral
dese centro, entendérase como un cargo desmesurado para a administración local,
suxerimos valorar recurrir a un modelo
de cooperativa de traballo asociado, impulsado no seo do propio municipio. (foto arriba: Centro Social Polivalente de Meaño)
Natalidade e poboación nova
A outra vía de actuación é incentivar a
natalidade e establecemento de parellas xóvenes no municipio meañés. Iso
pasa, primeiro, por unha opción de vivenda da que, neste intre carece o municipio. A remodelación do PXOM acometida con urxencia xa no primeiro mes desta
lexislatura, visto o visto, non tiña prácticamente outro obxecto que servir aos intereses
industriais. En ningún momento se pensou na xente de a pé, e máis aínda na
poboación xoven. Urxe abrir urbanísticamente o centro Dena, abandonar o plano
lineal que se impón arredor PO 550, que está agotado fai anos e que bloquea Dena.
Compre abrir algunhas rúas que desbloqueen ese centro lineal. Só así poderase abrir a posibilidade de construir e ofrecer vivendas en réxime de aluguer (ou
propiedade) para atraer a esa poboación xoven. A este paso xa chegamos tarde,
estragamos un mandato e unha reforma do PXOM sen sacar partido real dela. Por que razón, no mesmo tramo de anos analizado desde 2014 en que Meaño perde poboación,
Ribadumia no só se sostén, senón que medra? A razón é que Ribadumia atrae
poboación moza, dato que corrobora a súa pirámide, con seu chanzo
máis grande no de 40 a 44 anos, e os fillos que se desprenden del (poboación
que empeza a asomar con certa solidez na idade escolar). Ribadumia atrae
poboación porque ofrece vivenda, o cal Meaño, non fai. Un motivo máis para que pasemos ao furgón de cola nestos últimos anos.

Centro de Dena
O outro camiño para incentivar o asentamento de
poboación xoven non pasa por esmolas que o goberno local ofrece por neno nado. A esmola pública que concede Meaño creouse en 2018, e a inutilidade evidenciouse pronto. Ilustrámolo aquí co dato 2022, no cal se asignaron 1.850 euros dos 5.000 presupuestados,
e iso que, á última hora, no intre de asinar esas partidas, incrementouse a cuota
por neno para non deixar o reparto de cartos en menos de 1.000 euros. Cre
vostede, en realidade, que algunha parella decidiuse por ter un fillo en 2022
pola esmola municipal a xeito de cupón do Carrefour?
A nosa proposta é abolir directamente esa esmola, ao terse demostrado ser un xesto baldío. Ninguén vai ter un neno, nen
moito menos mover á familia (que a familia non é un auto), e trasladarse a Meaño, por se dentro dun ano deciden ter un neno e así acceder á esmola.
As propostas para incentivar o asentamento da poboación
xoven en Meaño han de ser contundentes. Para tal fin suxerimos:
Educación gratuita na Escola Infantil de Meaño
0-3 anos (sen valorar as rentas, puro e duro), e no material a empregar, para
os nenos a familias censadas en Meaño.
Subvención do 80 por cento os estudios musicais
na Escola de Música Municipal de Meaño para os censados no municipio de Meaño.
Servizo ludoteca e verán e nadal, máis campamento
de verán para escolares gratuito para os censados no municipio de Meaño
Descontos engadidos para pais/nais/avós e avóas
nas actividades municipais para familias con nen@s con menos de 10 anos censados en Meaño (é dicir, que a descontos redunde tamén, de xeito inditecto, no resto no núcleo familiar).

No hay comentarios:
Publicar un comentario