domingo, 18 de junio de 2023

 

OS ESCARAVELLOS E A MÚSICA TRADICIONAL VENDEN “PURO MEAÑO”

           

Dous xeitos de vender Meaño con orixinalidade e elegancia son os amosados este fin de semana. Dunha banda a “VII Concentración de Escaravellos do Salnés”; e doutra, o “XX Encontro coa Música Tradicional”, que estivo seguido da “I Foliada da Penaguda”. Unha vez máis ponse en evidencia que os eventos, cando se organizan con agarimo, nótase, e moito. Isto só é posible cando se implican colectivos sen ánimo de lucro (nen político), que saben tratar os detalles para poñer a Meaño no escaparate.
Todo é posible grazas ao empeño da asociación “Escaravellos do Salnés”, impulsado por dous namorados de Meaño, como son Manuel Lage e Jesús Pazos; e da asociación cultural Penaguda en Dena, un colectivo con máis de 30 anos ás costas, e que é (ou debería ser) todo un orgullo para Meaño, polo seu labor encomiables d mie manter a bandeira da música tradicional en Meaño, con mestres como Pichi ou Roberto Sotelo. 

“Plaga de escaravellos”
O dos “escaravellos” é un fin de semana, con dúas xornadas (sábado e domingo), que trouxeron a 130 personas que chegaban a bordo de autos “escaravellos”. Por un momento, coparon coa súa caravana de 60 vehículos do mítico Volkswagen as estradas de Meaño, Sanxenxo e subida a Armenteira.
O sábado, tocaba a recepción no Bar Lage, e logo xornada na illa de Ons, cea e noite no hotel Nuevo Astur en Gondar. Unha cea onde, entre os sorteos, procedeuse, ao dun vehículo escaravello, auto de época de 1990, matrícula de Madrid, en perfecto estado e que, nesta ocasión, viaxa para Oviedo. E é que unha das participantes nesta concentración, presente no salón, foi que mercou o boleto que 5.394, que resultou o agraciado.
Logo, hoxe domingo, caravana por Sanxenxo, Areas, Raxó e subida por Samieira rumbo ao mosteiro de Amenteira, cadedral do Salnés. Alí agardábaos una visita guiada, e logo regreso polas estradas meañesas rumbo ao Nuevo Astur, para degustar un xantar de despedida.


Un escaravello chegado desde Oviedo, outro desde León e, engadido, preto dunha vintena de portugueses. Entre os participantes, o máis veterano, o pontevedrés Valentín Fariña, que chega conducindo o seu “escaravello” aos seus 83 anos. En canto a vehículos, un dos que chamaba a atención pola singularidades, era un “escaravello-buggy”. Que a paixón por este vehículo desborda fronteiras, amén la procedencias, plasmábase no feito dun “escarvello” do ano 1969, que chegaba de man da parella conformada por un peruano e unha libanesa. Modelos de todas as épocas, memo dúas furgonetas da saga e algún de última xeración dun vehículo mítico, que nacia nos anos 30 na Alemaña do III Reich, concebido como un utilitario cada de acadar entonces os 100 kms/hora.
 

Grupo de música tradicional da Cultural Penaguda (Dena)

Encontro coa Música Tradicional
Pola súa banda, a música  tradicional reivindicábase en  Dena co seu “XX Encontro de Baile e Música Tradicional Galega”, organizado pola asociación cultural Penaguda. Celebrábase na noite do sábado na pista polideportiva ao aire libre -outrora pavillón de deportes-, inmediato á coñecida como “alameda dos Colexios” en Coirón-Dena. Unhas 150 personas poboaron a grada para asistir á actuación dos tres grupos participantes. Sobre a cancha de formigón, a quenda de arranque foi para a anfitriona “Penaguda” de Dena que, cos seus gaiteiros y danzaríns, interpretaban a “Muiñeira Sabaxáns”, “Muiñeira de Cascás”, a “Xota cruzada de Pazos de Borbén”, a “Cantata de Rodeiro” e a “Xota de Santa Comba”. Unha cantata, a de Rodeiro, onde o xoven e novo grupo de pandeireteiras de Penaguda actuaba por primeira vez en público. En canto aos músicos de Penaguda, éste estaba integrado un quinteto, con tres gaitas, bombo e tamboril, onde mesmo  asomaba para algunha desas pezas o saxo soprano de mans de Antonio Prieto, presidente, gaiteiro e integrante tamén da orquestra folk viguesa “SonDeSeu”.


Benxamíns de Cantodorxo

Logo, foi a quenda das formacións “Os Gatiños” de Portonovo e a asociación cultural “Cantodorxo”, de O Grove, esta última a máis numerosa e que exhibiu unha nutrida canteira. Para rematar, de novo unha última peza de Penaguda, onde o grupo de danzaríns maiores, fixeron partícipe ao público, sacando cada quen a unha persoa da grada a bailar. En total, o encontro congregou así a uns 75 músicos e bailaríns de música tradicional.
 

Proxecto Balea na Foliada da Penaguda


A foliada

Logo, metidos xa de cheo na noite, empezaba a “I Foliada da Penaguda”, unha iniciativa que ofreceu algunhas das mellores estampas do evento, se ben a maioría do público perdeuno ao entender que o mellor do encontro estaba rematado. Así, entraron 16 gaiteiros e 6 percusionistas, aficionados de todas as idades na cancha, na súa maioría precedentes do Morrazo, unidos en torno ao Proxecto Balea, unha iniciativa de mestre Roberto Sotelo, profesor de gaita en Penaguda e diversas escolas do Morrazo. Baixo a súa dirección, e apoiado en dúas baquetas percusionadas, xuntos fixeron sonar ao tempo os seus instrumentos inundando con seus sons toda a contorna. Se o perdeches, nos estábamos alí para recoller este intre, que compartimos contigo aquí no seguinte vídeo;:




Un dos veteranos de Proxecto Balea, Manuel Torres, gaiteiro de 72 anos e que chegaba de Cangas. A súa adicación foi tardía: “de rapaz non podía -explicaba- porque había que traballar, pero a min a gaita gustoume de sempre”. “Empecei a tocala fai 16 anos -agrega- a razón de dúas horas por semana, e este mundiño engachoume… Engánchanos a todos”.

“O mundo da foliada -explica Manuel Torres- ten moito seguimento no Morrazo, é unha tradición que nunca se perdeu e que mesmo está reactivándose, pero aquí -en relación a la comarca arousana- non tanto”. “Alí -por o Morrazo-, temos foliada este martes, logo o 24, e despois o 25… E cando entramos no verán hai foliada, día si e día tamén”. “Nestas quedadas -agrega- a xente ven, canta, baila, e mesmo as vellas bailan xa fóra cando escoitan a gaita, porque ésta é un música que non ten idade, os pes van detrás da gaita”.
Penaguda e foliada poden maridar para abrir un filón que explorar para potenciar vender Meaño ao turismo. Ideas e imaxinación, aínda sen cartos (na nosa administración local pasa exactamente a inversa).

GALERÍA DE FOTOS













No hay comentarios:

Publicar un comentario