A COVA DO TRASNO: HISTORIA VIVA
Cando
os días se fan curtos e a noite cae pronto, cando o frío e a choiva
calan os ósos, é o intre axeitado para abrir esta “Cova do
Trasno” e refuxiarse nela ao calor dunha boa conversa e algo de
música ben adobado cun cafeciño quente.
Así o concibe a Asociación Cultural e Deportiva GAM, que reabre neste mes de santos o seu foro de debate e coloquio: será o vindeiro venres, 28 de novembro , ás
20,45 horas no Pazo de Lis, coa primeira entrega do curso.
Baixo
o título “Historia viva: Memoria da primeira corporación
democrática meañesa (1979-839)" intervirán tres concelleiros vivos
daquela corporación, presidida entonces por Germán Rodiño (primeiro alcalde
democrático en plena transición). Os tres para conversar serán Manuel Padín Pérez, Laureano
García Ruibal e Manuel Crespo Domínguez. Para a ocasión un coloquio de 50
minutos con música de acordeón en directo de mans de Pablo Dovalo, que
tamén fixo naqueles anos os seus piniños na política municipal.
Como
resultou aquela primeira experiencia de organización democrática
cando ninguén deles viviran antes tan cousa? Como se fraguaron
aquelas primeiras listas? Como eran aqueles novedosos plenos en democracia? Quen represetanba o que? Que anécdotas daqueles anos
merecen ser contadas? Todo isto e máis nun foro sen medias tintas,
onde coa Asociación GAM nos temos mollado co radón, cos fitosanitarios do viñedo, coa represión
franquista, co esquecemento dos nosos, cos alcaldables nas eleccións de 2023… Pero tamén, coa poesía, coa literatura infantil, co
voluntariado meañés nas ONGs, co modelo educativo… Porque, ante
todo, somos un espazo de libertade, un espazo plural, que fai saír sarpulido
aos do pensamento único, plano, onde a ignorancia é obxectivo para
domiñar á plebe. Uns encontros que sempre nos fai mellores persoas
ao acabar. Sen máis pretensións que vivir e te sintas ben.
Refúxiate por un intre nesta cova, ao calor dos veciños inquedos de pro.


No hay comentarios:
Publicar un comentario