IN MEMORIAM: DORADO
Dorado, nunha imaxe recente na praia da Lanzada. Fotografía cedida |
O que durante máis de 35 anos fora electricista
do concello de Meaño, o home do sorriso perpetuo, José Luis García Dorado, finou esta semana aos 62 anos a causa
dunha longa enfermidade. Era de longo o traballador en activo que estivo máis
tempo vinculado ao concello, non en balde exercía como electricista municipal
desde inicios dos anos 80, polo que presumía de ter traballado ao servizo dos tres
alcaldes democráticos con que contou o concello meañés desde a Transición, isto
é, Germán Rodiño, Jorge Domínguez e agora Lourdes Ucha.
Dorado, que así era coñecido por todos, será
lembrado entre compañeiros e conveciños polo seu carácter afable, aspecto
bonachón e, sobre todo, o seu gran sentido do humor, que mostraba en cada
momento cotián e que de xeito encomiable non perdeu ata o último momento, aínda
sobrelevando a enfermidade. O seu era un sorriso continuo, a xeito xa de saúdo, e as súas
anécdotas, plenas retranca, presidían cada conversa ou faladoiro no que estaba
presente.
O talante tranquilo e pausado no traballo
era outro dos seus trazos, e os alcaldes meañeses sempre recoñeceron a súa adicación
e plena dispoñibilidade ante calquera eventualidade, durante as 24 horas do día
e os 7 días da semana, ata o punto de renunciar durante décadas ao seu dereito
a vacacións.
Na súa faceta pública foi durante dúas etapas
presidente do Unión Dena, a última na tempada 2007-08, na que se dispuxo
céspede artificial e ampliouse o campo de fútbol de As Cachizas.
ooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooo
Seguro que a Dorado lle gustaría ser lembrado con algunha das suas anécdotas coñeras que sempre contaba cunha xenerosa risotada. Aquí vos deixamos unha delas, real, que fai uns meses relataba coa súa habitual retranca, á primeira hora na sá de espera do Centro de Saúde de Meaño:
“Un día díxome o alcalde que levara ao
hospital a un dos operarios do concello, que mancara un brazo e tiñan que
retirarlle a escaiola que lle puxeran para inmobilizarllo. Mentras estábamos
xuntos agardando no sá de espera, oiamos o ruido dentro da sá de iesos… e el
estaba acolloado!.
- Como me quitarán esta escaiola do
brazo?, preguntábame.
- Iso fanno cunha rebarbadora… como a
das obras -díxenlle, mentras el empezaba a porse pálido-. Pero ten coidado -advertinlle-,
e non movas o brazo, non vaia ser que se lles vaia a máquina cando estén traballando e che corten o
brazo, como lle pasou a un paisano. A ver se vas quedar manco!
- Estás de broma?-preguntoume-
- Que va! Que foi certo! Tal e como cho
estou contando!
E el, cada vez más pálido.
Mentras tanto, dentro da sá de iesos, os enfermeiros, que tiñan a porta
entreaberta, escoitaban a nosa conversa. Acto seguido chegou a súa quenda e chamaronno para dentro co
gallo de retirarlle a escaiola.
Ao pouco sentíuse como acendían
a máquina-cortadora de escaiola. So se oíu durante uns segundos, ao pouco
apagáronna. Nesa saíu un dos enfermeiro á porta e espetoume:
- Anda, ti, gracioso! Agora vente a axúdarnos,
que se nos desmaiou dentro!
No hay comentarios:
Publicar un comentario