sábado, 22 de enero de 2022

Conversas.com: Hernando Martínez Chantada

 

Conversas.com

Hernando Martínez Chantada

Historiador de Ribadumia



Nesta entrada desprazámonos ao veciño concello de Ribadumia, para poñer en valor a Hernando Martínez. O seu vasto coñecemento da historia local e a súa paixón intacta por seguir alumando proxectos mantéñeno activo aos 81 anos. Hernando Martínez Chantada ten detrás un traballo ímprobo na docencia, involucrándose e promovendo movementos de renovación pedagóxica que apostasen por partir da realidade inmediata para chegar ao alumno, así como a edición dos primeiros libros de de texto en lingua galega. No seu haber, máis de 50 publicacións, o ter formado parte da vintena de viticultores que foron núcleo fundacional da cooperativa vitivinícola Martín Códax (sendo á vez primeiro presidente desta cooperativa), e o agora seguir mergullando en arquivos en prol da memoria colectiva. O concello de Ribadumia apela ao seu saber para convertelo en pedra angular, sobre o que pivotará “Ribadumia, lugar a lugar”, un proxecto para recuperar a través da toponimia a historia deste municipio salinense.
  

“CADA TOPÓNIMO ENCERRA UNHA HISTORIA MILENARIA”


Como nace a súa paixón pola historia?
Naceu froito dun cúmulo de avatares da vida. Eu exercín sempre como mestre, pero non cheguei á profesión como algo buscado, senón foi máis ben a profesión a que me atopou a min. De mozo a miña ilusión era estudar Filosofía en Munich.


Hernnado Martínez Chantada


Cónteme algúns dos seus avatares
.
De mozo empecei traballando nun serradoiro de piñeiros. Logo, atrapado nos 60 polo servizo militar, en que fun destiñado á Mariña, comecei estudando Náutica na Coruña. A iso seguiulle o meu destino na Escola Naval de Marín, onde alternaba dando clases a fillos de oficiais, á alfabetización de recrutas recentemente chegados... Pronto me din conta que o mar non era o meu. Foi un irmán meu que cursara Maxisterio, o que me animou a facer a carreira, dicíame que ía resultar moi accesible ás miñas posibilidades. E así foi. Fíxena rápido, puiden validar moitas materias, e ao pouco presenteime a oposicións: un exame escrito, daquela outro oral e, finalmente unha fase de prácticas que había que superar. Cando aprobei o exame escrito, puiden solicitar escola, e tocoume no colexio León XIII de Carril, onde mesmo traballei con Aquilino Iglesias Alvariño. Cando superei as prácticas, din por pechado o ciclo, e quixen aparcalo para irme a Alemaña para estudar Filosofía na Universidade de Munich. Pero dixéronme que non podía, que se me ía perdía a praza gañada, polo menos estaba obrigado que exercer aquí durante dous anos.


E non se prantexou cumprir con esos dous anos e marcharse logo a perseguir o seu soño alemán?

A verdade, penseimo moito. En Munich tiña a moitos compañeiros, e alí podíase combinar estudos con traballo ben remunerado. Pero, avatares da vida, cando estaba a cumprir eses dous anos, tropeceime cunha rapaza no baile de Barrantes polo San Martiño. Eu, que tiña xa posto o abrigo e dispoñíame a marchar, topeima e pedinlle de bailar. E con ela sigo bailando 50 anos despois (Carmen que é a súa muller). O amor foi esoutro avatar que me atou aquí. (Ao carón, Hernando coa concelleira de cultura e patrimonio, Mar Rey)


E o seu coa filosofía?
Desde neno quería estudar, iso era raro aquí entre nós naqueles anos 50. Eu era un ávido lector, e ben o sabía o cura Don Ramón, que me premiaba sempre con algún libro que, cando caía nas miñas mans, lía con présa e logo falábao con el. Nunha visita dun frade mercedario á parroquia, ao saber da miña ilusión polo estudo, el e don Ramón propuxéronme estudar nun colexio mercedario en Sarria. Eu non quería irme tan lonxe, pero a miña nai practicamente obrigoume a aproveitar a oportunidade. Así tocoume Sarria, logo estudos en Ciudad Real e tres anos en cos mercedarios en Poio. Para poder cursar eses tres anos en Poio estaba obrigado que aceptar os votos provisionais da orde por ese tempo. Recoñezo que para min foron os anos máis felices: paseos por Combarro, bañarme en Chancelas, as camiñadas polo Castrove… E os estudos no mosteiro, coa Filosofía polo medio. Ao reamtar, tocaba ofrecerme aceptar os votos definitivos para colgarme o hábito, pero non quixen. Aínda así a Filosofía e o completar estudos en Munich era o meu soño. 


Hernaldo Martínez no seu despacho

Cales son os seus primeiros recordos de alumno como neno?
A difícil relación coa lingua. Na miña infancia non tiña radio, nin moito menos televisión, non oía o castelán. Tiña eu uns cinco anos cando, andando coas vacas nunha corredoira, deime conta de que o “pau” que tiña na miña man, en castelán era “palo”. Esa foi a primeira palabra que comprendín en castelán. Cando me iniciei na escola con 6 ó 7 anos, no primeiro curso non me decataba de nada en castelán. Iso si, aprendín de memoria todo o silabario, no que as súas últimas frases, lembro aínda hoxe, eran “la dote de la dama”, “la tela de lino”, “el niños de mi tía”… Sabía silabalo, pero non amosaba interese algún en comprendelo. Custoume o seu, porque para min era outra lingua.
Marcouno esa relación coa lingua para logo na súa docencia?
En gran parte, si, era o vínculo coa lingua e co territorio. Nos meus inicios como mestre, cando lle preguntaba aos nenos de aquí por un río, dicíanme o Ebro, o Miño, e ninguén me dicía o Umia. Ou cando lles pedía que citasen unha illa, o primeiro que lles viña á cabeza eran as Canarias, Baleares… E ninguén mencionaba A Toxa ou a illa de Arousa. O programa educativo e a lingua víñan desde Madrid, e iso estaba moi lonxe da realidade que os nenos tiñan diante os seus ollos. Aí deime conta da necesidade dunha educación máis próxima, que empezase con esa realidade inmediata ao neno, e co galego como lingua, cando a situación política permitiuno tras a morte de Franco.


Que pasos prácticos seguiron a esa proposta?

Xunto cun grupo de mestres, empezamos a promover un movemento renovador, alumando “Nova Escola Galega”, “Candea”… Eran organizacións que impulsaban un traballo de renovación pedagóxica, elaborando materiais próximos aos nenos. Foi así que a min ocorreuseme crear un equipo de docentes para empezar a escribir os primeiros libros de texto en galego. Unha cousa foi escribilos, outra foi publicalos, porque ninguén quería financialo. Despois de moito moverme, por un contacto cheguei a Eulogio Franqueira, mestre en Castelo de Miño, que herdara o grupo Coren. Cando llo presentei, o proxecto encantoulle, tanto que el mesmo financiou a publicación do primeiro libro en galego para colexios que, en realidade, foi unha monografía: “A agricultura en Galicia”. Logo seguiulle “A pesca en Galicia”, que conseguimos publicalo grazas ao apoio de Filgueira Valverde. Logo veu a pre-autonomía, a chegada das competencias educativas a Galicia… Eran inicios dos anos 80, e eu mesmo asumín daquela redacción da primeira programación de Ciencias Sociais para EGB en Galicia. Co gallo de poder publicar os primeiros libros de texto regrados en galego, entrevisteime en Madrid coa editorial Santillana, pero a oferta era de tan só 300.000 pesetas polos textos (1.803 euros de hoxe), e o libro para eles, o cal desestimei. Logo, a través de Xavier Senín (académico hoxe da Real Academia Galega) chegounos o contacto con SM: esa foi a primeira editorial que os publicou en galego.


Tamén está aí o seu labor como investigador, como escritor… Curiosidade: Cantos libros publicados?
Máis 50 títulos, entre libros de texto e de historia (as súas, ben ordenadas, mantéñense tras o cristal nun andeis do seu despacho-biblioteca).

Hernando Martínez Chantada nun acto público


Visto en perspectiva e coa súa experiencia docente: Que consello daríalle a un mestre que empeza a dar clases?
O consello é o non ser un profesor que vén, dá as súas clases e vaise, senón ser un mestre que se involucre no territorio e no lugar onde traballa. Sentirse da terra onde impartes é moi importante para que o profesor goce do seu traballo. E así, partir desde a xeografía e da historia da zona para espertar a curiosidade, o interese, a motivación do alumno, que o neno valore o lugar onde vive.

Un dos seus últimos libros foi “Os cruceiros de Ribadumia”. Cóntenos algo que lamente que se perdeu dese tesouro de de a Galicia rural.
(ao carón, cruceiro en Ribadumia)
O peor foi descubrir como en moito concellos de rural, algúns se foron apropiando de cruceiros públicos diante a cegueira das autoridades que non interviñan en defensa deste tesouro colectivo.
Aos seus 81 anos non para. Xusto agora acaba de embarcarse no proxecto “Ribadumia, lugar a lugar”. Canto tempo estima que durará a investigación para alumar unha publicación?
Na investigación é moi difícil marcarse prazos. O tempo dependerá da ilusión do equipo de traballo: canta máis ilusión, máis rápido avanzará.
Que foi o máis condicionou ao ser humano en elixir os topónimos?

Cada topónimo encerra en si unha pequena historia do territorio, non xa secular, senón que mesmo milenaria. Os topónimos foron xurdindo conforme se ía humanizando o territorio. Primeiro foron os recolectores, que os fixaban en función á orografía: un monte, un rocha grande… Así, chégannos topónimos de linguas pre-célticas, caso, por exemplo, dos que portan a raíz bar-, car-, mor- que responden a rocha: a Costa da Morte non obedece a mortos, como se adoita pensar, senón que esa raíz mor- alude a “costa rochosa e alta”. O mesmo, outros como Mourente, Morouza, etc. Actualmente conservamos a palabra morrillo, que procede dese mor- pre-céltico, isto é “pedra”.

Hernando Martínez, na presentación de seu libro "O crime do Pazo do Monte", xunto co alcalde David Castro

E tras os recolectores?
Tras eles chegaron os pastores, que identificaban o territorio fixándose máis na paisaxe vexetal sobre a cal pastaban os seus rabaños. Froito diso aparecen o que chamamos “fito-topónimos”. Así, entre nós, chégannos algúns como “Rabuñade”, “ Rabadoiro”…, ambos en relación a rabos que eran plantas silvestres; “Bouza”, que alude a terreo sen cultivar e que permañece a bosque ou con maleza, “O Freixo”… En Ribadumia mesmo temos a parroquia “Sisán”, nome que provén de “sisalana” ou “sisal”, especie vexetal de cheiro agradable e que se adoita daba en terras baixas e húmidas.


E dos pastores aos agricultores, non?
Efectivamente. Estes afacíanse a fixarse xa máis nas características do chan para os seus topónimos. Así nomes como “Seara”, que aquí en en Ribadumia derivou en “Senra”, e que fai referencia a un lugar seco, idóneo para o cultivo de cereais. Ou outros que tiran da raíz pre-céltica bar- para alumar topónimos como “Barreiro”, “Barrantes”, que vén significar lugar húmido, con presenza de auga. E, con iso, as referencias aos primeiros asentamentos: topónimos como “Casal”, que se repite en moitos lugares, termo que ten unha dobre acepción: unha é a que responde a un caserío ó granxa agropecuaria; outro, o que fai referencia a un grupo de casas que se establecía na contorna a ese caserío. Ou “Vilar” que vén ser tamén un grupo de casas, e de aí, entre nós, o topónimo “Vilariño”, en relación a un grupo pequeno. Máis tarde, outros topónimos chegan legados de nomes de persoas, polo súa importancia sobre o territorio. (Ao carón, arriba, dous dos libros publicados por Hernando Martínez)

Afectou moito a concentración parcelaria dos anos 60 á toponimia de Ribadumia?

Desde logo. Moitos micro-topónimos, ao xerarse unha paisaxe nova, empezaron a perderse aí. E non só cos topónimos, senón tamén coa flora, con especies silvestres que nacían nos beirais e que se foron perdendo ao desaparecer entre nós aqueles beirais.


Unha estampa da historia rescatada en Ribadumia

Vexo que aos seus anos a Historia séguelle prendando.
Sempre. Cada un ten a súa afección, iso que lle apaixona: uns teñen as partidas de cartas no bar, o dominó, a caza, a pesca… A miña é a Historia. Eu adícome a resucitar mortos.
…?
Dígoo así porque adícome a bucear nos arquivos para dar con xente e recuperar historias.
Nese labor de historiador, e para a futuras xeración que se interese por este ámbito. Cales son as fontes das que se pode beber en Ribadumia?
Os arquivos parroquiais que, en Ribadumia e, por extensión en Galicia, remóntanse a inicios do XVII. Máis aló non existen eses arquivos. Para ir máis atrás de 1612, caben os arquivos xudiciais e notariais, que tamén existen en Ribadumia. E a terceira fonte, esta máis recente, é o arquivo municipal, cuxa documentación abarca de 1870 aos nosos días.
Vendo que a súa paixón permanece incólume, supoño que ten algún proxecto persoal en carteira.
Si. Agora estou a traballar na publicación dun libro sobre tres heroínas de Ribadumia. Elas son Mª Antonia de Alfonsín, Josefa Díaz Cordeiro de Villar e Josefa de Castro. Pódese dicir que foron tres mulleres adiantadas ao seu tempo, sacando adiante ás súas familias en situacións sociais e económicas realmente adversas. Son tres personaxes que me cautivan e que quero rescatar para a memoria colectiva.





No hay comentarios:

Publicar un comentario