domingo, 24 de octubre de 2021

 Coñece en Meaño as augas NON APTAS PARA O CONSUMO HUMANO 

COAS FONTES NO PUNTO DE MIRA


Abrimos o Ventanuco e acendemos a luz. As últimas analíticas de fontes públicas no municipio de Meaño arroxaron un resultado sorprendente, por canto as cifras da auga de fontes non aptas para o consumo humano disparáronse a 40, do total de 51 analizadas. Isto supón que que 78 por cento das fontes meañesas decláranse “non aptas para o consumo humano”, anunciando un cambio de tendencia que, de manterse, tórnase preocupante. A cifra bate así ese récord negativo, dado que, desde que en 2008 en que comezase o concello a realizar analíticas das fontes -primeiro con periodicidade bianual e no último lustro anual-, os resultados de “non aptas” viñanse movendo no arco de entre 6 e 14 manantiais, e que, a inicios desta década, comezaron a dispararse ata as 40 actuais.
 
Tendencia á alza
“As analíticas viñéronse realizando cos mesmos parámetros ao longo de todos estes anos” recoñecen técnicos da firma Plagostel, que é a que vén realizando este labor en Meaño e outros concellos. “É unha cifra elevada -apuntan- pero os resultados son correctos”. “Mesmo nalgúns manantiais -engaden-, onde historicamente os test viñan dando ben, nesta ocasión tornáronse adversos, pero nós realizamos contraanálisis, e ata un terceiro nalgún de eles… Pero todos o novos test confirmaron o ditame da primeira analítica”.
Uns resultados que, recoñecen desde a firma, non está a ser un dato singular só de Meaño “senón que noutros lugares está a manifestarse tamén esa tendencia á alza”. Interpelados polo perfil do municipio onde se estean evidenciando o feito, os técnicos consultados apuntan a lugares susceptibles de estar máis expostos a factores contaminantes do medio en que se enclavan, e que no rural podería vincularse coa actividade agrícola intensiva, no Salnés co monocultivo crecente da vide polo medio.

Fonte de Trubisquido en Meaño: "non apta para o consumo humano"

Así, entre as fontes públicas non aptas para o consumo humano no municipio, áchanse manantiais que, históricamente, nunca rexistraran un positivo. Entre elas, na parroquia de Meaño, a fonte de Trubisquido, considerada unha de maior hábito e máis socorrida polos veciños. E, en Lores, a fonte do Ou Souto, nunha zona alta, inmediata ao monte, recoñecida polos parroquianos como “a mellor auga de Lores”, e da cal mana a máis fresca por temperatura no municipio meañés. Engadido, en parroquias como Padrenda ou Dena ningunha fonte está apta o consumo humano. E en Lores, tan só sálvase da queima unha (A Laxe), e na parroquia de Meaño só a de San Xoán, non máis.
 
Fonte das Seis en Xil: "sen garantía sanitaria"

Dereito á información
Tal e como xa se apuntou, esta tendencia á alza non é exclusivo do municipio meañés. Os gobernos locais (e o Meaño que nos ocupa), baixo ningún concepto pode atribuírselle responsabilidade algunha na situación que se vén xerando. Faltaría máis.
O que si é reprobable e que, ante esta tendencia, mírese cara a outra parte, que non se prantexe preguntas, e que careza de inquietude mínima para atopar respostas. E máis aínda, é reprobable o non ofrecer ao cidadán, por salubridade, a información debida.
Unhas analíticas que, segundo confirmaba o rexedor, realizáronse a fins de maio, pero esas fontes só empezaron a sinalizarse en xullo, Aínda máis -e isto é o grave- esa relación de fontes, nunca se fixo pública (ata a data de hoxe) e que mesmo non figura nen no taboleiro de anuncios, nen na web municipal, nen nas redes sociais do concello.


Aquí, agora, por medio peculiar VENTANUCO podes ter na man esa relación de fontes, para que coñezas do estado da túa. Lembra: as fontes onde reza o epígrafe SEN GARANTÍA SANITARIA responden a aquelas que, no momento de tomar as mostras, declararíanse aptas, pero que poden deixar de selo, de aí o lema “sen garantía sanitaria”, por canto a garantía no tempo só podería pasar unicamente por ser cloradas. E as fontes  NON APTAS PARA O CONSUMO HUMANO son as que, naquela data non deberían consumirse por salubridade e que, dado o resultado achado, recoméndase encarecidamente absterse de beber ese auga.

RESULTADOS POR PARROQUIAS: COÑECE A TÚA FONTE















Agardamos terche axudado. Se o ves axeitado, compárteo cos teus.


 


sábado, 16 de octubre de 2021

VINTAGE ROTEIRO AO CASTROVE 

 

Estamos aquí de volta unha tempada máis, como desde 2013. Facémolo sen máis pretensión que entreter, informar e compartir emocións arredor de Meaño. Así, abrimos este particular Ventanuco para que Meaño sega latindo na rede, aquí preto e tamén na outra beira do oceáno.


Como é habitual, abrimos tempada con nova imaxe e, nesta ocasión, cunha entrada vintage: o roteiro da asociación G.A.M. ao monte Castrove, na edición de 2013, un día enteiro de 38 kms entre ida de volta. Revivimos emocións, paisaxes, e amig@s con este vídeo. Así eramos e así somos. Sen artificios... NA-TU-RAL-MEN-TE


Como é un vídeo de 12’40’’, para velo é preciso pinchar abaixo, no seguinte enlace. (Autor: Marcos Castro, presidente da asociación G.A.M.) 




NOTA temos pendente a realización do sorteo CORRER POR MEAÑO, que celebraremos a fins deste mes de outubro. Non nos esquecemos.