domingo, 15 de diciembre de 2013

Meañeses polo mundo (III): SUÍZA

Beatriz Martínez Castro / Xenebra


Beatriz Martínez Castro compre 35 anos en xaneiro, está casada e ten dous fillos. Esta meañesa vive en Suiza desde 2012, aínda que xa estivera nunha primeira estadía entre entre 2002 e 2007. A sua foi unha aventura “por amor” porque ao que hoxe é seu marido, Horacio Arosa (natural de O Santo), coñeceuno estando el alá. Xuntos decidiron regresar a Galicia en 2007, pero fai pouco a crise devolveunos de novo a Xenebra. Como tantos outros españois, e galegos en particular, tiveron que coller as maletas na procura dun traballo que aquí se lles nega. Mágoa, a sangría continúa.

"EN SUIZA NON SE ESCOITA NADA A PALABRA CRISE"

Beatriz Martínez xunto co seu marido Horacio Arosa e os seus fillos no Parc de Onex en Xenebra

-  Canto tempo vivindo en Suiza?
-  Viñen por primeira vez en 2002. Eu coñecín a Horacio, quen hoxe é o meu marido, en 1999 cando el veu a España a facer o servizo militar. Daquela Horacio xa estaba aquí en Suiza. Veu en 1995, cando tiña 17 anos, dado que os seus pais xa estaban aquí como emigrantes. Despois de termos coñecido Horacio voltou só para Suiza no ano 2000. Dous anos despois víñenme eu para acá, onda el, a probar sorte no traballo e no amor. Foi unha aventura e salíume ben. Convivimos un ano xuntos en Xenebra e decidimos casar en 2003. Aquí estivemos ata 2007. Logo voltamos para España, pero a cousa foise complicando, coa crise non había traballo e en 2012 decidimos voltar de novo aquí.
-  En que zona de Suiza vivides?
-  Vivimos na cidade de Xenebra, nun piso alugado no centro.

Xenebra nevada desde a ventá do piso do piso de Bea e Horacio
-  E en que traballades aí?
-  Na primeira etapa que estiven aquí traballei nunha fábrica que facía pulseras para a Rolex, pero agora que temos dous críos, e como o máis pequeno ten 17 meses, decidimos que, de momento, me adicara a eles e tamén de paso a estudar francés que é o idioma aquí. Quen traballa fóra do fogar é o meu marido.
-  HORACIO: Eu traballei sempre no sector das enerxías renovables. Estou nunha empresa que se adica ao recubrimento de tuberías para lograr o aproveitamento óptimo destas enerxías alternativas: solar, xeotérmica… É un sector con moita presenza en Suiza, un país onde as renovables están en alza. Aquí, por normativa, estanse a retirar as caldeiras de gasoil e as calefaccións eléctricas, todo ten que ser por gas natural ou renovables.
-  En calefaccións estaredes ben postos porque por aí fai moito frío, ou non é tan duro o clima suizo como nos imaxinamos desde aquí?
-  O clima aguántase ben, eu diría que é incluso mellor que aí. Certo que neva, pero o clima á máis seco, non hai tanta humidade e non se collen tantas gripes, nin catarros, nin afeccións de bronquios…
-  HORACIO: …Nin dor de cortas
-  BEA: Si, notámolo sobre todo nos nenos, porque o maior cando vivía en Galicia tiña que ir cada tres por catro ao médico e en cambio aquí apenas colle nada.

Beatriz Martínez e os nenos xunto coa sua nai Amparo cando ésta estivo de vacacións en Xenebra.  Foto en tomada en Saint Cergue 
-  Sempre volo preguntamos aos que estades fóra: que é iso que vos gosta da vida en Suiza e que vos traeriades para España?
-  A educación da xente, o respecto con todos, as reglas educativas nos colexios, a limpeza das rúas… É un país moi correcto, moi tranquilo.
-  HORACIO: Aquí hai un respecto moi grande co obreiro, valórase moito o seu traballo, é moi diferente a España. Confeso que cando voltei para aí ao cabo dun ano arrepentinme: traballaba nove e dez horas, moitas veces non me pagaban as horas extras, tiña que percorrer distancias enormes para ir facer un traballo… Isto é impensable en Suiza, aquí a empresa é xusta, o obreiro traballa na cidade na que vive… Non hai comparación.
-  Como obreiro sentíaste máis explotado en España?
-  HORACIO: Sin dúbida algunha.
-  E que é iso do modelo suizo que non vos traeriades para España?
-  O estress, Xenebra é unha cidade moi estresante, os suizos son super meticulosos cos horarios, non podes chegar un minuto tarde a un sitio porque está pechado, aquí todo é moi matemático, tanto que te oprime.
-  Vaia, agora entendo iso da puntualidade dos seus reloxos.
-  Si, debe ser iso. Eu non sei se é por esa aprensión ou se porque aquí vemos pouco o sol, tanto que ás veces pasamos catro ou cinco meses sin velo porque ás cinco da tarde aquí é noite pechada. Non sei se é por ambas cousas que che dicía que aquí hai moitas depresións, de feito Xenebra conta con dous hospitais psiquiátricos.
Zona de tendas en Xenebra vista desde a cámara da nosa protagonista
-  Cal é un horario habitual dun obreiro en Suiza?
-  HORACIO: Trabállase de 7 da mañán a 12 do mediodía e logo pola tarde de 13 a 17 horas. O xantar adoita facerse ás 11 ou 12 do mediodia, e pola noite cean cedo e un suizo ás 20 horas esta na cama.
-  BEA: Pero nós somos españois e seguimos a ir máis tarde para cama.
-  E cal é aí o salario medio dun obreiro?
-  HORACIO: Falando en euros, para entendernos, neste momento estase a pedir que o salario mínimo non baixe dos 3.800 euros. E un obreiro da construcción gaña uns 4.500 euros por mes.
-  BEA: Pero por contra a vida tamén é cara: unha barra de pan nunha panadería venche a custar ao cambio 4,70 euros; duas chuletas de porco, 10 euros; un cartón de leite, máis de 2 euros… A cesta da compra supón uns 300-400 euros por semana. E logo tes que pagar o seguro de atención médica, porque aquí non hai seguridade social, e ese seguro para nós os catro cústanos 900 euros por mes… En cambio, en proporción os electrodomésticos, a roupa dos nenos e o gasoil para o coche está máis barato que en España.
-  Falando de coches, teño entendido que non aí non pagades peaxes nas autoestradas.
-  HORACIO: Non, págase unha taxa de 36 euros por ano e colócanche no coche unha tarxeta semellante á das ITVs en España: iso dache dereito a circular todo o ano polas autoestradas suizas sen pagar peaxe algún.
-  Fálase da crise en Suiza?
-  En Suiza non se escoita nada a palabra crise. Iso si, escoitaslla moito a un montón de españois que chegan na procura de traballo e que che dan verdadeira mágoa, porque aquí sin non tes un permiso de residencia telo imposible.
-  HORACIO: Hai españois que están a chegar aquí á aventura, con mil euros no peto, e aquí mil euros non che dan para nada, si nos tes permiso só ves a perder os mil euros e voltarás logo sin nada.
-  E como se consegue ese permiso de residencia?
-  Todo se endureceu moito desde 2011 por mor da crise en Europa. Antes bastaba con que unha empresa suiza te demandara para traballar e che fixera o un contrato, pero agora hai un organismo que o Control de Habitantes e que analiza primeiro se esa demanda de traballo está xustificada e se hai xente parada en Suiza que queira esa traballo.
-  Pero hai traballo en Suiza?
-  HORACIO: Sí que o hai, pero antes é necesario dispor dese permiso de residencia que está sendo moi complicado conseguir. E en Xenebra existe ademáis un problema engadido: a falta de vivenda, chegas aquí é non tes onde meterte… E non se trata de alugar un piso: é que non hai nin pisos de aluguer.
Atarcedecer na Place Bour du Four
-  Vive moita colonia española en Xenebra?
-  Si, Xenebra é unha cidade con moita poboación española, e galega en particular. Con dicirche que na cidade debe haber uns 50 restaurantes españois dígoche todo, incluso hai moito empresario español.
-  E como nos ven a nós os suizos?
-  Aos galegos en particular vennos moi ben porque temos fama de ser super traballadores. Un empresario suizo prefire a un obreiro galego antes que a a outro español ou que a un portugués. Tamén os italianos están moi valorados.
-  Falabas antes da importancia da educación en Suiza, das normas nos colexios. En España acabáse a aprobar agora unha lei de educación moi polémica, a chamada “lei Wert”. Como é o modelo educativo en Suiza?
-  Aquí valórase moito o respecto ás normas nos colexios, aos mestres, todo é moi correcto tamén neste eido. En Suiza non hai clase os mércores, ese é un día libre para levar aos críos a educación relixiosa, porque aquí hai moitas relixións diferentes, ou a clases de español e outras actividades. E, lóxicamente, tampouco teñen clase os fins de semana. ¿Vacacións escolares? No verán o colexio cesa a actividade a finais de xuño e retómaa na última semana de agosto, Logo paran unha semana en outubro, quince días en nadal e outra semana en febreiro.
-  Ata cando vos prantexades a vosa estadía en Suiza?
-  Cando voltei de segundas custoume un pouco, pero agora creo que xa me vou a quedar aquí para sempre.
-  HORACIO: Sí, eu xa me sinto como quen di un suizo máis.
-  Estando aí, que é o que máis botades de menos de Meaño?
-  Un caldiño de Ampariño (en relación á sua nai). Estou desexando voltar por Nadal e comer un bo cocido con grelos.
-  HORACIO: E tamén o marisco…
-  BEA:…E uns viños nos furanchos de Cobas.
-  Falando de viño: vese moito albariño poa aí?
-  Nos restaurantes españois vese en todos, pero non así nos supermercados, salvo que sexa dalgún español onde podes atopar un Martín Códax por 16-17 euros… Nun restaurante esa botella custa uns 40 euros. Tamén últimamente empezase a ver moito Paco&Lola.
O lago Leman cun xigantesco surtidor no medio
-  Para rematar, facede un pouco de guías turísticos. Se imos por Xenebra, que non debemos perder de ver?
-  No se pode deixar de ver o lago Leman; Saint Cergue, que é un precioso pobo de montaña; a sede da ONU; os magníficos parques, un deles cun espléndido Reloxo Floral; o Xardín Botánico e, sobre todo, a Vielle Ville que é zona vella da cidade.
-  E que debemos comer?
-  Para comer, dada a fama dos queixos suizos, recomendamos probar unha boa fondue de queixo ou unha fondue chinouse, seguida dunha reclette que é un prato típico elaborado con patacas coa tona e logo queixo fundido por enriba, coroado todo iso por verduras ou carne ao gusto.
- HORACIO: Aquí coa carne é moi típico que se coloque un asador enriba da mesa e logo que cada quen acabe de facela nel ao seu gusto. E de postre probar unhas boas crepes que teñen moita fama. De todos xeitos en nadal agardamos estar en Meaño e comer un pouco marisco…


OUTRAS FOTOS DE XENEBRA 
[Nota: Tódalas fotos publicadas nesta entrevista son xentileza de Beatriz Martínez e Horacio Arosa]


A familia nunha tarde de ocio


A sua nai de Bea, Amparo Castro, xunto cos netos diante do Reloxo Floral, lugar de fotografía típico de turistas en Xenebra

Beatriz Martínez nun xesto de humor no Parc de Signal de Bougy

Outro dos magníficos parques de Xenebra: o Parc de Bastion

Sede da ONU en Xenebra

Unha das pontes de Xenebra cos vistas na Rive Gauche (Rbeira Esquerda)

  





No hay comentarios:

Publicar un comentario