viernes, 17 de mayo de 2024


O salón
da Casa Parroquial de Simes completou o seu aforo para reivindicar a figura da súa poeta Herminia Fariña. Fíxoo de mans da Asociación Cultural e Deportiva G.A.M., que co foro de debate “A Cova do Trasno” leva neste curso esta iniciativa a parroquias da contorna da súa Meaño natural. Facíano con motivo do “Mes dás Letras”, contando para iso cos expertos na figura desta poeta, o cuntense Martiño Picallo e o meañés Guillermo Rodríguez, xunto coa pontevedresa e neta de Herminia Fariña, Silvia Sánchez. Un coloquio que, á vez, contaba co recitado de poesía e música en directo.


O Día das Letras esquecido: HERMINIA FARIÑA

O medio centenar de cadeiras quedou curto (día 10 de maio), nun foro que congregou a unhas 70 persoas para botar luz sobre a figura de Herminia Fariña, consideraba unhas das grandes voces esquecidas hoxe. Para iso, a asociación G.A.M. engalanou a fría sá, dotando o ambiente da penumbra que contribuíse a facer acolledor o momento. A atmosfera completouse coa cálida voz da escritora e comunicadora cuntense Baia Fernández, no recitado, máis coa música en directo do trío de cámara conformado por Vanessa Dopazo (frauta traveseira), Brenda Rodiño (chelo) e Lorenzo Barbeito (guitarra), mestres e integrantes da BUMM.


Un momento da música en directo con Herminia Fariña en pantalla

No coloquio, Guillermo Rodríguez, que escribira nos 90 o libro “Herminia Fariña, vida e obra dunha poetisa de Meaño” -e que fora entón edil de cultura do concello de Meaño-, rememoraba o momento álxido daqueles anos de honra da poeta: “presentamos e avalamos a candidatura de Herminia Fariña para que se lle concedese un Día das Letras Galegas -explicaba-, e nun acto en Santiago, logramos axuntar a vontade do entón presidente da Xunta, Manuel Fraga, do conselleiro de Cultura, Vázquez Portomeñe, e de xentes da cultura como Antón Fraguas ou Isaac Díaz Pardo... Tiñamos todo o vento a favor, pero ao cabo faltou vontade política desde o concello para seguir dándolles continuidade á candidatura… Témome que ese momento pasou”.


A Cova do Trasno en Simes, vista panorámica

Aínda así, o experto cuntense na figura de Herminia Fariña, Martiño Picallo, apuntou “que nunca é tarde no tempo para recoñecer unha figura nas Letras Galegas, non en balde hai uns anos adicóuselle ese Día aos poetas medievais” (1998, en honra a Martín Códax, Xoán de Cangas e Mendiño).
En relación ao esquecemento que seguiu a aqueles anos 90 (libro, rúa, busto da poeta), Guillermo Rodríguez lamentou a posición dos gobernos locais que lle seguiron neste século: “no concello de Meaño -apuntou-, xa nos anos que seguiron con Jorge Domínguez, logo Lourdes Ucha e agora Carlos Viéitez, non houbo continuidade algunha en recuperar a figura de Herminia Fariña para converter a súa figura nun referente cultural… Non se moveu ren”.


Martiño Picallo, de pé, durante un intre da súa intervención
 
Emendando un borrón
“Por España e para España!” (1938), o pequeno libro que fustigou a memoria de Herminia Fariña pola loa nel ao bando militar durante a Guerra Civil, centrou outro dos momentos do foro, e que se abordou sen andrómenas. Martiño Picallo, explicou que había que entender o contexto da obra: “Herminia era unha muller moi próxima á familia, a cal adoitaba adicar poemas publicados, pero era tamén, unha muller se que viu no medio dun pai, alto mando militar, no medio do conservador clan Cobián Roffignac por parte de nai... Nunha guerra, onde os sentimentos tiñan que salvar no seu foro interno a un fillo na contenda, máis a un pai que acabou a guerra na zona de Valencia, e un irmán aquí en Galicia, que caera á primeira do bando insurxente”.


Outra panorámica do público

Pola súa banda, Silvia Sánchez apostilaba o valor da súa avoa, “que mesmo escribiu algúns dos poemas dese libriño en lingua galega, cando este non era o idioma franquista, iso era unha ousadía no seu tempo”. Picallo criticou a diferente vara de medir -ata na Academia- dunha sociedade machista e misóxena: “Figuras como Alvaro Cunqueiro, Celso Emilio Ferreiro ou Filgueira Valverde -explicaba Picallo- publicaron tamén poemas ou escritos favorables ao réxime, porque naqueles anos non cabía outra que pasar por ese aro”. Só -agregaba- que nos homes botouse unha tea de esquecemento sobre eses escritos, pero, en cambio, si se lle reprocha ás mulleres, Herminia Fariña foi un claro exemplo desta dobre vara de medir”.
Non en balde, acredítase polas investigacións deste cuntense, como en Pontevedra foise conformando cando o réxime un grupo de adoutrinamiento literario, afín á Falanxe, e que se reunía no café “Carabela” na Praza da Ferrería, mentres que outro achegado á esquerda literaria, mantiña os seus encontros xusto enfronte, no café “Savoy”, e era á este último ao que adoitaba asistir Herminia Fariña. O mesmo no seu Santiago natal, co grupo literario de dereitas reuníndose no “Casino”, mentres que o grupo progresista e vangardista, ao que acudía Herminia cada vez que podía, faíao no café “Español”.
 

Pablo Dovalo durante a súa intervención no coloquio co público

Anecdotario
No coloquio co público, as persoas de maior idade lembraban anécdotas que viviran cunha Herminia Fariña, cuxa faceta editorial descoñecíase: “Lembro que sendo eu unha adolescente -apunta Chicha Escudero-, adoitaba pasarme pola súa casa para peiteala e facerlle a manicura”. Ou Pablo Dovalo -fiel aos foros de “A Cova do Trasno”-, rememoraba como “a inicios dos anos 30, o meu pai Miguel foi buscarlle un baúl en carro cando ela regresou de Arxentina, para traerllo ata á súa casa de Simes”.

E, a anterior alcaldesa Lourdes Ucha, rememoraba da súa infancia que “sendo nenos e correteabamos por Simes, e algunha vez temos entrado na eira e na súa casa, case ruinosa tras a súa morte, e o que nos topabamos alí era unha inmensidade de libros da súa biblioteca (que os aldeáns fixaban na súa galería por poñente), e que era pasto do abandono, e esculcabamos entre eles descoñecendo nós o seu valor, en relación a unha muller á que os veciños chamaba a poeta". (Na foto, imaxe actual da súa casa en ruinas no lugar de A Igrexa en Simes, á dereita coas columnas que sostiñan a antiga galería)

Outras lembranzas veciñais rescataban os camelios daquela eira, ou a existencia dunha mina, da que, dise, “puido chegar a medir uns 500 metros de lonxitude”, e que algúns naqueles anos refería Herminia Fariña “era lugar de refuxio para agacharse homes da aldea perseguidos cando a guerra” (Civil).


Baia Fernández, recitando versos de Herminia Fariña


Un encontro que resultou un pretexto para voltar a falar sobre Herminia Fariña, naquela noite e mesmo ao día seguinte en Simes, sobre dito -e feito- no coloquio. Luces na cultura e sombras que se verteron desde a política, podendo rescatar o momento a voz de Baia Fernández recitando un poema de Herminia e a música terapéutica do “Lágrimas” que musicou Rafa Dovalo sobre esos versos de Fariña Cobián. 

Este era o segundo encontro mantido pola Asociación G.A.M. adicado neste curso a recuperar personaxes da historia meañesa. Primeiro fíxoo en novembro, co político da II República, José Calviño Domínguez, na súa parroquia de Lores; agora esta segunda entrega en Simes, precisamente no Mes das Letras Galegas; e, en cernes xa unha terceira entrega neste faiado da historia meañesa: outro personaxe e outra parroquia será o obxectivo.


Despedida simbólica: entrada á eira da casa de Herminia Fariña 


No hay comentarios:

Publicar un comentario