sábado, 11 de enero de 2014

HEMEROTECA: 
Manuel Rosal "Venera", alma da festa de San Amaro

Xenio e figura. Todos lembran en Meaño a Manuel Rosal "Venera". Pese a finar en 2012 é desas personaxes entrañables que permañecen na memoria de toda unha xeración. Algunhas das suas bromas e dos seus comentarios retranqueiros cóntanse aínda hoxe como se foran propiedade colectiva do Meaño que as vivíu. Desde aquí, qué mellor que na víspera da festa de San Amaro que se celebra o 15 de xaneiro, para  abrir o noso particular Ventanuco rescatando, coa axuda das fotos de MARCOS CASTRO, unha entrevista feita con el en 2009 -tres anos antes de finar- e publicada daquela en Faro de Vigo. Lida tempo despois as suas palabras cobran se cabe maior senso e convértense en todo un testamento para un Meaño que tanto ríu con el. 

Venera, de broma en San Amaro no ano 2000

Manuel Rosal Torres “Venera”
Alma da festa de San Amaro en Meaño

Manuel Rosal Torres “Venera” é ós seus 84 anos todo un símbolo de festa, de farra e de bo humor en Meaño. A súa retranca e a sua teatralidade sin parangón non coñeceu idade, de novo e de vello “Venera” foi sempre a alma da festa. El era era a festa mesma. Cada veciño de Meaño garda na retina unha imaxe súa sempre en clave de humor: extravagante músico na noite de San Xoán, viuva no enterro da sardiña, cociñeiro maior en San Amaro…. E precisamente desde a comisión de San Amaro, intregrada por xóvenes, rendíronlle estos días a súa particular homenaxe a un Venera que foi alma, xenio e figura desta festa desde fai anos.



“A MIN SEMPRE ME GUSTOU MÁIS RIR QUE CHORAR”

- E isto para que é?-pregunta cando lle explico o motivo da visita-.
  E ao comentarlle a proposta comenta con sorna:
- Bueno, para publicar no Faro mellor unha entrevista que un esquela, non?

-    O seu verdadeiro nome é Manuel Rosal (o seu apelido delata a relación que o une ó alcalde de Meaño, Jorge Domínguez Rosal, de quen o noso protagonista é tío), pero todos o coñecen como “Venera”. De onde lle ven ese nome?
-       Ven da miña nai que se chamaba así. Eu fun sempre daquela Manolo de Venera porque era fillo dela, a así quedoume a min logo o nome de Venera que é polo que me coñece a xente desde fai anos. Fíxate que ata o carteiro ten traído cartas aquí que chegan co nome de Manuel Venera quen, como tal, non existe.
-       E de onde lle ven a vostede a paixón pola farra e pola broma?
-      A broma gustoume sempre, desde novo xa, cando nos xuntabamos pandillas de Lores, Simes e Meaño para andar ás mozas. Eso ben, broma sí, pero sen molestar a ninguén. E é que a min sempre me gustou máis rir que chorar.

Con Manuel Meis (Manolo de Fidel) nas spoxas do ano 2002
-      E o de exercer como mestre de cerimonias e animador en clave de humor da festa de San Amaro?
-      Iso foi cando retomaron a festa alá fai un 15 ou 20 anos. Daquela viñéronme a buscar para facer as poxas e eu apunteime ó carro porque o das poxas sempre o mamei de pequeno na casa dos meus pais en Lores, porque o meu pai fixo durante anos as poxas de San Benito. Logo fun coas alboradas, e o cabo duns anos empezamos a facer mexilóns ao vapor pola noite, os cales abriamos no atrio ca capela dentro dunha pota da caña posta ó lume alí mesmo. Logo veu o dos callos e o da queimada… e a min sempre me buscaban para poñerme á fronte da coña servindo os callos, cunha broma aquí e outra alá, ata metía os músicos na farra… pero sin molestar a ninguén, eh? E agora con este cura que temos que é un liante [en relación a José Manuel Taibo], enténdase ben, eh, non me podo negar.

    Nesta entra a súa dona e o noso protagonista advírtelle: “Ovidia… que este home ven a levarme preso”


Como mestre maior do reparto dos callos en 2002
-    Pero o ano pasado anunciou o seu adeus á festa. Este do 2009 foi o primeiro San Amaro sin Venera e contan que a xente botouno en falta. Por que ese adeus?
-     Porque aínda estaba preto a morte dunha filla que foi para min un golpe moi duro… A verdade, é que este ano non tiña o corpo para festa.
-      Pero está disposto a voltar entonces a San Amaro?
-      Teño 84 anos, xa non son un mozo, pero se a saúde me respeta e os veciños queren que vaia para poñerme á fronte da farra claro que estou disposto a ir.
-    Desde a comisión lembráronse de vostede este ano e déronlle unha pequena  home-naxe aquí na casa. Que sifñificou para vostede este xesto?
-     Deixoume moi sorprendido, viñeron ata aquí os mozos e o cura para regalarme un álbum de fotos miñas na festa ó longo de todos estos anos… E aínda estivemos botando unhas boas bromas. Foi un cariño que me deixou moi contento, non agardaba unha cousa así, emociona a calquera que se lembren dun deste xeito.
-      No seu caso humor acentuouse ou decaíu coa idade?
-     No meu caso acentuouse. Canto maior me facía máis me gustaba a coña… dentro do que cabe!… e sin faltar a ninguén!. Eu sempre fun de falar moito, de andar de parranda aquí e alá, de quitar á xente da cama unhas veces coas xaneiras, outras porque lle ía roubar o carro na noite de San Xoán. Despois de que deixei de irlle ós carros a algúns, eles viñeron logo unha noite a roubarmo a min. Collínos e fíxenllo traer de volta á casa… Pero metémolo na adega… E despois quedamos todos dentro bebendo albariño ata o día.
-       É consciente de que o día de mañán vai ser lembrado polo sua coña?
-    Que me lembren como un homiño que se levou ben con tódolos veciños. E cando se acorden de min non quero que choren, se se ríen lembrando as miñas bromas mellor, non sí?, que insisto en que a min chorar gústame pouco.


Cos pericos antes das poxas no anto 2000, con atrio de San Amaro ainda sin empedrar

-       Cóntenos algunha das gordas.
-    Home, cando andabamos coas xaneiras acababamos rapiñando os chourizos dalgunha lareira mentras cantabamos, no bar estaba a botarlle auga o viño do que estaba ó lado… E lembro que na vella taberna de Lage en Meaño, que fai anos que non existe, o finado de Manuel de Lage, gaiteiro él, temendo que lle roubaramos o carro na noite de San Xoán deixouno cargado de toxo. E alí de noite na taberna, taza vai, taza ven, o convencemos para descargar o carro, e saímos dalí uns tirando do carro co señor Manuel enriba tocando a gaita e eu co bombo, e fumos a darlle a senerata a Luciano que tiña a cofradía ó día seguinte e, de paso, a Meaño enteiro que o tivemos en solfa toda a noite. Pero no regreso armouse boa porque, con Lage enriba dándolle a gaita, os demáis querían plantalo e deixalo co carro no adro de madrugada, e tiven que convencelos para levarlle o carro á casa.
-       Visto desde os seus anos, coida que a risa axuda a vivir máis tempo?
-     Non sei se máis tempo, que creo que sí, pero desde logo axuda a vivir mellor. É unha boa menciña para calquera idade e sen efectos secundarios… sempre, insisto, sin que se lle faga mal a ninguén coa broma.


No hay comentarios:

Publicar un comentario