sábado, 19 de noviembre de 2016

 *** Opinión
O Estado contra min

A recente aprobación e liquidación do canon de vertedura aplicado polo concello de Meaño a instancias da Xunta é unha proba máis do atropelo da administración pública con respecto ao administrado. O é tanto polo xeito de proceder para a súa aplicación por parte de un, como polo criterio establecido por parte de outro.

EDAR de Os Pasales en Dena
No tocante ao proceder da administración local -esa que sempre se define como a máis cercana ao cidadán- o atropelo está en birlarlle ao administrado un dos dous recursos administrativos aos que, en boa ética, debería ter dereito. Tratándose dun imposto novo procedería abrir primeiro un período de exposición pública cun prazo de alegacións, o que suporía a posibilidade dun primeiro recurso ante a administración local que serviría para detectar e correxir de entrada posibles erros, á par que evitar as queixas, o malestar e os quebradeiros de testa que se están a padecer agora. O que fixo, en cambio, o concello foi saltarse este paso e remitir directamente unha liquidación impositiva, ante a cal só cabe un único recurso de reposición contra a liquidación. Se este é resolto desfavorablemente por parte da administración de turno non cabe máis opción de reclamación, agás a xudicial, unha vía á que -ben o sabe quen resolve- ninguén vai acudir tratándose dunha cuantía menor.

Por parte da administración autonómica o atropelo está e equiparar auga verquida á rede de sumidoiro á auga consumida. Con este criterio o rural sae ostensiblemente perxudicado, porque unha parte -en ocasións considerable- da auga consumida o é empregándoa para rego de pequena horta ou xardín, polo cal é agua que non vai parar á rede de saneamento e que, sen embargo, si están fiscalizando como tal. Mentras, administrados que se abastecen de traídas veciñais ou pozos, poden ata saír beneficiados en casos ao impoñerlles un canon mínimo -sobre o que tamén cabería discutir o criterio seguido para o seu cálculo- con independencia da cantidade real de auga verquida. Supoñemos que hoxe, tecnoloxicamente, é posible dotar á rede dos mecanismos de medición das augas residuais que chegan a ela desde cada domicilio en aras a acadar un canon impositivo equitativo, principio ao que debe aspirar toda administración que se tilde de “pública” e que, como tal, debe antepoñer a xustiza social dos seus administrados.




No hay comentarios:

Publicar un comentario