domingo, 28 de febrero de 2021

conversas.com
Celsa Lastres Radío

Mestra meañesa


Aos seus 85 anos, desde Bandeira, onde está afincada, a mestra meañesa Celsa Lastres Radío (Abuín-Dena, 1935) rememora aqueles anos nas escolas nacionais unitarias. Boa parte dos seus anos de docente estiveron ligados a Castrelo, onde impartía clase na escola do Castro. Desde este Ventanuco, ás portas do 8 de marzo (Día da Muller Traballadora), o noso recoñecemento para unha labor vocacional dunhas mestras (e mestres) cando aínda se mantiña o dito de “pasas máis fame que un mestre de escola”. 

"A LEMBRANZA DA ESCOLA DE CASTRELO É A DOS BOÍSIMOS ALUMNOS QUE TIVEN"


Foi vocacional o de ter ser sido mestra?
En gran parte si, era algo que me gustaba desde nova. Quizáis puiden ter estudado outra cousa, pero daquela tampouco había moitas portas para as mulleres cando queriamos estudar unha carreira.
Vostede nace en 1935, un ano do estoupido da Guerra Civil. Marcouna este coflito dalgún xeito?
Si, moito, porque nela finou o meu pai, Daniel Lastres, que daquela estaba combatindo na frente de Aragón. Contáronme que baixou a por auga ata un regato, para comer, e daquela unha bala perdida deu con el. Eu nunca o coñecín, fun o que se di unha orfa da guerra. Cousas da vida, aquela morte fixo que eu poidera estudar nos colexios de orfos pola guerra. E así fixen a carreira, primeiro estudando nun desos colexios en Zamora e logo en Pamplona.


A mestra Celsa Lastres

Lembra en que ano empezou a dar escola e cal foi o  seu primeiro salario?
Sí, empecei dando clases en Silleda en 1958, cando eu tiña 23 anos. O salario daquel primeiro mes foron 1.300 pesetas (isto é, 7,8 euros para todo o mes).
Cando veu para Castrelo?
Primeiro pasei por Vila de Cruces, logo voltei a outra parroquia de Silleda, chamada Senra, onde din escola seis anos. E desde aí fun para Castrelo. Era o ano 1968, e asignáronme a escola unitaria que había no Castro. Era unha escola vivenda (cando lle ensinamos a foto dese inmoble, que hoxe oficia como local das Mulleres Rurais, ela acláranos: “daquela estaba pintada en branco”).
Como lembra aquela escola de O Castro?
Era unha casa-escola. Na pranta baixa estaba a aula, a arriba, na primeira, a vivenda da mestra. Empezou sendo escola femenina, e a ela viñan nenas de entre 6 e 14 anos, todas xuntas, ata houbo un curso no que cheguei a ter 83 alumnas. Como daquela non había matrículas, nen rexistros, en Inspección apenas sabían cantos alumnos tiñamos na realidade. Pese a esa cifra eu intentei ensinar e atender a cada unha en función da súa idade e do seu progreso. Eu deilles clase de todo: matemáticas con álxebra, mesmo con ecuacións, lingua, xeografía e, co tempo, ata francés. Sempre loitei para que tiveran o certificado de Estudos Primarios, e daquela púxenme dacordo con Suso Jorge Campos, que era outro mestre de Castrelo. Xuntos logramos que nos autorizaran a facerlles o exame para o título, e daquela viña o inspector Jorge Vázquez, que era cura, e que estaba presente na aula durante a proba.


Imaxe que mostra hoxe a que foi antiga escola do Castro en Castrelo

E vostede vivía enriba?
Nos primeiros anos non, porque seguín vivindo coa miña nai en Abuín, Ela era Elvira Radío Límeres, máis coñecida en Dena acomo Elvira "A Campona". Logo, cando finou, instaleime coas dúas fillas na casa da escola en Castrelo.
E o seu marido?
El era de Bandeira e durante tempos, como quen di, vivimos separados, pola semana en Castrelo e os fins de semana iamos a Bandeira.
Cal é a primeira lembranza que lle ven a cabeza cando lle menciono aquela escola de Castrelo?
A dos boísimos alumnas e alumnos que tiven, e a duns pais e nais que se portaron de marabilla conmigo.
Algún libro de cabeceira adoitaban ter os alumnos naquelas unitarias?
O que mais lembro son os libros da editorial Álvarez, cun primeiro, segundo e terceiro grao, en función dos niveis. Cada un desos libros incluía leccións de todas as materias.
Ata cando se mantivo aquela escola unitaria de Castrelo?
Ata 1976, en que naquel curso 1976-77 abría o Colexio de Castrelo. Os mestres que estabamos nas diferentes escolas unitarias da parroquia, que desde fins dos anos 60 fixéronse xa mixtas coa chegada da E.X.B., pasamos a formar parte do persoal co Colexio Nacional, que así se chamaba entonces. (A Celsa Lastres, acompañárona así Suso Jorge Campos que impartía escola na Bouza, Dolores Segunda Vila Méndez e Francisco Barros Barros que daban escola no Couto-Lourido; e María Mouriña Arias, da escola de Serantellos).


Homenaxe dos ex alumnos de Castrelo a Celsa Lastres a mediados dos anos 80

Ata cando deu vostede escola en Castrelo?
Ata 1980 en que viñen para Bandeira coas fillas para estar toda a familia xunta. Desde aquela din escola aquí no colexio, e logo cando chegou a lei de ensino obrigatorio ata os 16 anos, pasei a dar no IES, onde impartín Galego. Así ata o ano 2000 en que me xubilei aos 65 anos.
Mire que vostede pasou por leis educativas: as unitarias, os colexios da EXB, o instituto de secundaria… Despois de tantos anos, e se mira atrás: sinte que hai alumnos que aínda se lembran ben de vostede?
Sempre hai cousas que se lembran e persoas que te lembra. Lembro dun xeito expecial que a mediados dos anos 80 os alumnos de Castelo fixéronme unha homenaxe e convidáronme a compartír con eles un xantar en Castrelo. Foi moi emotivo que se lembraran de min pasados xa catro ou cinco anos de que estaba en Bandeira. Foi moi gratificante, moi bonito, son cousas que se levan no corazón.


ooooooooooooooooooooooooooooooooooooooo

NOTA: Se eres ex-alumn@ da mestra Celsa Lastres na escola ou colexio de Castrelo, e queres contactar con ela podes escribir ao correo-e: susarola2@gmail.com


ooooooooooooooooooooooooooooooooooooooo
 

1 comentario:

  1. QUE RECORDOS DE CASTRELO....QUE INFANCIA MAIS BONITA..E ESA CASA SEMPRE SERA A MELLOR DO MUNDO...

    ResponderEliminar