domingo, 30 de junio de 2024

 

Organizado pola Asociación Cultural e Deportiva G.A.M., o foro de debate-coloquio “A Cova do Trasno” desprazábase a Padrenda para completar a triloxía de personaxes meañeses esquecidos, orgullos -os tres- de ter sido aldeáns, e dignos de ser restatados para a memoria colectiva. Primeiro, este curso, en Lores, co político José Calviño -deputado en Madrid e cargo da II República no goberno de España cando a Fronte Popular-; logo, en Simes, coa súa poetisa Herminia Fariña, e na noite do sábado, nesta ocasión viaxando a Padrenda co último xograr do Salnés.

 

PADRENDA CANTA “O XAN PIRULÉ”

Medio centenar de persoas -fisicamente non cabían máis cadeiras- completaron o aforo da sá de actos da Casa Parroquial de Padrenda, onde bosquexaron, rescataron e cantaron xuntos a Eugenio Padín, “O Cego de Padrenda”, considerado dos últimos xograres galegos do seu xénero.
Nacido en 1853, e quedando cego de mozo por mor dunha doenza, Eugenio Padín abriuse mundo coa música ata converterse nun dos personaxes máis requirido alí onde ía. E non só polo público e os podentes turistas que se hospedaban na Toxa, senón pola alta alcurnia burguesa, mesmo sendo un fixo nas festas privadas do marqués de Riestra, alí onde llo demandaba. 


Rosana Domínguez e Pablo Dovalo cantan o Xan Pirulé

“Respectado polos vellos e agarimado polas mozas de cen comarcas”, escribía del en 1925 o xornalista cuntense Roberto Blanco Torres (Letras Galegas, 1999), que o descrebía como “laberco, marrulleiro e humorista, fidaldo namoriscado, que cando rasca o violín e ule que ten preto boas mozas, fai sorrisas de ceo”. Mesmo tamén legou a súa figura o destro pincel de Castelao, que o pintou o cego Padín en 1910 tocando o acordeón no hotel Calixto en Cambados. Romarías, festas, tabernas, convites privados… o cego cantou por doquier reunido un pingüe capital nas faltriqueira que invertíu mercando moitas leiras na súa Padrenda.
Finado ao 86 anos o 17 de maio de 1939, nun día de choiva, foi soterrado ao pe dunha oliveira no cemiterio vello do atrio. No funeral, a poetisa Herminia Fariña, que a cabo escribiu en verso: 
¡Adiós, ciego de Padrenda, / júbilo de romerías / viejo acordeón de Lores / de Gil, Combarro y Adina!.../ ¡Como solloza el paisaje / dándote la despedida! / Ciego de Padrenda, ¡adiós! / ¡Que tengas luz allá arriba!.


O público encheu a Casa Parroquial de Padrenda

 

“O Xan Pirulé”
Considerado unha separata do “Romance das Tres Comadres” e popularizado por moitas partes de España, o “Xan Pirulé” foi o auténtico hit do Cego Padín durante súa vida. Relata a historia dun merenda pantagruélica de tres mulleres que, reunidas polo San Andrés no souto de Alberte do Xan Pirulé, foron sorprendidas polo marido dunha delas (Inés), que a emprendeu a paus coas tres. Nalguhas versión agrégase que, “ao cabo de nove meses / pariron todas as tres”. Un peza, cuxa temática, hoxe levantaría unha ondada de rexeitamento, con violencia de xénero e unha ¿orxía? de por medio. A saber.
De mans deste foro, a recurrindo ao arquivo de Castro Sampedro, achouse a partitura que, por primeira vez, voltouse a cantar o sábado en Padrenda. Unha canción, da que os vellos dan fe, pero que, ao perderse, ninguén sabía cantar. A súa posta en escena foi posible grazas á voz da soprano meañesa Rosana Domínguez, que formando dúo con Pablo Dovalo no aordeón, entonaron por primeira vez o “Xan Pirulé”. E logo, o reto: despois de varios bises, e coa letra en pantalla, os presentes soltáronse a cantar xuntos: “Elas eran tres comadres / e dun barrio todas tres/Sargento Mighes, pirixel,/con dominus/cos con trisquilistrás/con domino olé, olé/pola túa fe,/no souto d’Alberte do Xan Pirulé,/ …E dun barrio todas tres".


Fake news 
Neste foro, e de mans da investigadora local no cego Padín, Mª Eugenia García Castro demostrouse do grave erro cometido en 2013, cando con motivo da homenaxe que concello e Deputación de Pontevedra dispensaban ao cego de Padrenda, descubríase un relevo de Lucas Míguez, que desde entonces preside a fachada da Casa Parroquial. Unha imaxe que, daquela, se vendeu como do cego Padín, tocando unha zanfona, acompañado por un lazarillo á pandeireta, e que non responde ao real. “A imaxe que temos aí fora -explicaba Mª Eugenia García- amosa a figura do cego Manuel Montero Xormian, natural de Graba (Silleda), fotografiado por Zagala, e non o é a figura do noso cego de Padrenda que, ademáis, non tocaba a zanfona”.


Inauguración do falso Eugenio Padín en 2013 

Amparada na documentación que traía con ela, recabada no Museo de Pontevedra e na Real Academia de San Fernando, desfacía este e outro afamado entorto: “a imaxe que se popularizou como do cego de Padrenda -explicaba-, que así se amosa un libro editado pola Deputación de Pontevedra en 2013 -escrito polo meañés Manuel Paz-, quen aparece en portada e interior, tampouco é Eugenio Padín, por un erro de catalogación no Museo, logo transmitido como tal ao Consello de Cultura Galega: esa foto de Joaquín Pintos, responde a Anselmo Antonio “Peretes”, un dos últimos zanfonistas galegos, e que nada ten que ver co noso cego Padín” (na foto anexa, portada do libro con Anselmo Atonio "Peretes", que non Eugenio Padín)

O foro rematou, fora de programa, cun bis musical a cargo do gaiteiro local Edmundo Sineiro, que xunto co tamboril Antonio Rial (“Con de Xido”) interpretaron a “Folidada de Padrenda”, unha peza de cabeceira do preciado gaiteiro Pallamallada (de nome real José Carballa Pesqueira, natural de Leiro, concello de Ribadumia) e que, “desde hoxe -espetaba Edmundo- será a foliada da nosa Padrenda” ante os aplausos do público. Historia e música aunáronse así para un convivio emocional que encandiou a un público agradecido polo alí compartido.


Edmundo Sineiro e Antonio Rial tocando a "Foliada de Padrenda"


Pablo Dovalo e Rosana Domínguez noutra das cantigas



O público, agradecido ao final


No hay comentarios:

Publicar un comentario