viernes, 8 de febrero de 2013


Estamos en tempo de Entroido. O concello de Meaño ten pouca tradición nesta festa: choqueiros cando eramos críos, hoxe algún festival, un concurso solto… pouco máis. Pero fai 22 anos anos a asociación GAM quíxolle dar impulso e creou a única comparsa que se lembra en Meaño. Foi unha experiencia efímera que durou só tres anos (1991, 1992 e 1993). Estaba integrada por unha trintena de voces acompañadas de músicos que a xeito de charanga animaron as plazas e barrios coa sua música e con aquelas ácidas “historias de Entroido”. Cada ano a historia tiña tres capítulos: un adicado ós curas, outro os asuntiños municipais e un terceiro á política nacional e internacional.


Ainda que se venderon moitas destas historias -imprimíanse más de 2.000- seguro que case ninguén as conserva hoxe. Outros máis novos nin oíron falar delas. Por iso, desde este ventanuco queremos ofrecer unha mirada retrospectiva daqueles tres anos de comparsa "Os GAMtores de Hispalis" cunha escolma das mellores estrofas centradas nos asuntos municipais e nos curas daquela.


Historias de Entroido de "Os GAMtores de Híspalis", a única comparse que houbo en Meaño


Comparsa do 91
Neste ano o concello aínda estaba presidido por German Rodiño pero en maio íanse celebrar as eleccións. A elas concorría por primera vez Jorge Domínguez, funcionario entonces no propio concello. A comparsa meañesa cantabao así:

Estanse xa preparando
as eleccións que hai en maio
pa entrar un novo alcalde
manda-lo vello ó carallo.

Preséntase un escribinte
que foi posto por Germán
agora vai para alcalde
xa lle chaman “O Caimán”


Asuntiños daquel ano: o concello mercara facía meses un camión para a recollida de lixo pero non puxera en marcha o servizo porque careciamos de verqueedoiro, instaláranse as decantadoras para diluir restos sólidos das augas residuais das vivenda que ía parar ó río, viñamos de ter por primeira vez alumbrado de nadal, na comisión de festas queixábanse dos poucos cartos que daba a xente… Así o vía a comparsa:

O asunto máis cachondo
é o da depuradora
métenlle merda pa dentro
e botaa toda pa fóra.

No axuntamento de Meaño
temos camión de basura
pero como non hai onde botala
cada un aguanta da súa.

Xa na parroquias tivemos
en Navidade alumbrado;
que se deixen de parvadas
¡queremos de alcalde a Dorado!

En Meaño queren festas
pero a xente non da
cando lle van a pedir
dinlles: “apunta e xa está”.


E que se dicía dos curas en 1991? Semella que algúns criticaran desde o púlpito a falta de fillos no matrimonio por mor dos métodos anticonceptivos. O asuntiño tratouno tamén a comparsa:

Xa os curas protestaron
que agora non hai meniños
por iso eles no queren
que anden con tapadillos.

Xa sabedes rapaciños
nada de buzo ó pochiño,
sin buzo sabe millor
e da moito máis gustiño.



Comparsa do 92
Jorge Domínguez gañara as eleccións de maio de 1991. No Entroido do 92 a comparsa meañesa burlábase lembrando aquel día de festa para uns -hai quen quería celebralo con bombas de palenque- e mágoa para outros:

Aquel día das eleccións
Meaño foi un formigueiro
uns berraban por botar fogos
outros tiraron co carneiro.


Tamén se facía balance do primeiro ano de goberno de Domínguez: o seu cambio de postura ante o trazado da vía rápida do Salnés que obrigaba a elevar a ponte de Pereiras, a remodelación da Praza da Feira que incluía uunha fonte moi peculiar, o conflito que o GAM tivera co concello ao negarlle éste autorización para servir un tentempé ós atletas na Praza da Feira ó remate da carreira de Meaño… Todo isto se refrexaba naquela historia:

Di o alcalde que da autovía
hai que aproveitarse agora
               e antes quería tirarse
con nós diante da paleadora.

               Mira que fixo unha praza
que manda moito carallo
para que poidan poñerlle
a estatua del a cabalo

Puxéronlle unha fontiña
hai que ver que ben quedou
botou auga naquel día
e despois nunca máis mexou

Non nos deixaron a praza
pa o viño o día da Carreira
só falta que agora en Meaño
non poida cajar quen queira.


E máis ainda, a comparsa do GAM xa profetizaba xa daquea o futuro da formación política de Indepentes de Meaño cando cantaba:

Parecen moi independentes
pero véselles a xogada
para os próximas vanche
polo partido de Fraga.


E os curas? O de Dena, José Soneira, viña de romper unha perna e andaba con muleta, finara o cura de Xil, lembrábanse do de Covas, e tamén do de Simes, que xa exercía en Lores, e tivo que facerse cargo de Xil como terceira parroquia, co que tiña as festas de San Blas, San Benito e a Virxe das Angustias, tres dos santos que máis recadan en esmolas no municipio.  A todo isto cantaba a comparsa:

Agora non hai cantores
porque Dena usa bastóns
Simes estache moi ronco
e Xil deixounos sin sermóns.

Para alá de Xil hai outro
que ese é un bo chispeiro
porque cando vai de copas
tómache Carlos III

Disque o cura de Simes
coas Angustias xa non dorme
non se quita da cabeza
que el parece Mario Conde.



Comparsa do 93
Aquel ano de novo a voltas coa ponte alta de Pereiras sobre a vía rápida:

En Pereiras na autovía
fixeron unha gran ponte
pa cagar dalí en baixo
e non ir cagar ó monte.

Os veciños protestaban
que era moi alta a cagada
e o alcalde ría pa dentro:
“eu total boto a mexada”.



E seguen os letristas a prededir a fichaxe de Jorge Domínguez polo Partido Popular, ademais de criticar a teima do novo goberno de pintar de verde -ou con franxa verde- toda obra municipal que se facía:

Debe usted señor alcalde
querer cambiarche bando
que en penitencia pa Fraga
xa vai a Santiago andando.

Si vai a polo xubileo
e en vez de gáñalo  o perde
non se lle ocurra pintarlle
o cabalo ó apóstolo de verde.


E tamén a pouca opinión dos concelleiros e a chegada da policía local a Meaño o que mereceu unha ollada moi particular visión das mulleres:

Algúns concellais que temos
parecen titiriteiros
bailan cando empeza o xefe
a tocárllelo o pandeiro.
                              
Con esta lei do carallo
parece un cachondeo
puxeron dous municipais
e ningún é do concello.

Xa os miraron as mulleres
e botaron unha ollada:
“a verdade é que ningún
a ten moi axeitada”.



E, para rematar, una escolma dos asuntos dos curas e de anécdotas en igrexas durante aquel curso:

O de Dena é moi listo
non ten un pelo de parvo
tódolos que tiña antes
caíronlle e quedou calvo.

Quitáronlle a tragaperras
que había no mesón
o de Simes entra sólo
para escoitar o acordeón

“Eu son che o mellor cura”
dixo o de Simes en San Blas
e contan que ata o santo
foi e ríuse por detrás.

Aquel domingo na misa
¡Maruxa que despelote!
caíronche as bragas a plomo
casi che ven o bigote.

















No hay comentarios:

Publicar un comentario