sábado, 12 de abril de 2014


*** Opinión

Politicamente incorrecto

Resulta curioso escoitar como os dirixentes políticos maquillan a cada paso as expresións relacionadas coa crise económica que nos toca vivir con termos que tentan amortiguar o impacto que sobre o cidadán poden ter determinados vocablos. Escoitalos é como ler esas ofertas de supermercados onde hai que pararse moito para tentar entender ben cal é realmente o prezo que che van cobrar cando pases por caixa… e, as veces, nin con esas.

Así dun tempo a esta parte vimos lendo ou escoitando expresións como “contención salarial” por rebaixa de salarios, porque iso de “contención” soa a prudente e, quen non entende a prudencia como boa?; “externalización da sanidade,” por privatización da sanidade pública, verdadeiro drama social que aínda non medimos ben porque iso de deixar de ser paciente para convertirse en cliente… en fin; ou, a última, “movilización exterior da man de obra” por emigración, terase visto tal cousa!.

É como naquel libriño de James Finn Garner titulado “Contos infantís políticamente correctos” onde o leñador do relato de Carapuchiña Vermella era, en realidade, un “operario da industria madereira”; ou o pai de Rapunzel non era un cadeireiro pobre senón “económicamente desfavorecido”; ou Cincenta non era tratada como unha esclava pola madrasta (“nai política”, segundo o conto) senón como “unha empleada persoal sen dereito a salario”. 

Mais para nós o pan sempre foi pan e o viño, viño, non si?

No hay comentarios:

Publicar un comentario