sábado, 18 de abril de 2015

*** Opinión
Por un lixo!

O medio ambiente, tamén no que a Meaño toca, esixe que se empece a lexislar desde os concellos. Así, é hora de que se cree dunha vez unha ordenanza que obrigue á separación do lixo no fogar. E á par, en boa lóxica, a correspondente ordeanza sancionadora para tal incumprimento. Basta xa de ver contenedores verdes, destinados a lixo orgánico, ateigados de cartonaxe ou con envases de plástico e vidro dentro, basta de contenedores amarelos con bolsas de lixo sen seleccionar.
Acto seguido deberían darse as cumpridas ordes ás policías locais de velar polo cumprimento da normativa. Dirase que os axentes non poden coller in fraganti aos que incumpran a normativa, máis non se trata diso -tampouco a Garda Civil de Tráfico colle a todos os que infrinxen un límite de velocidade, tan só o fan cunha mínima parte-. Basta pois con que a policía local soprenda a algún que outro infractor ocasional depositando cartonaxe no contenedor verde ou lixo orgánico no amarelo, o sancione en virtude á ordeanza vixente, e se publiciten logo as devanditas sancións para que o resto empecemos a tomar conciencia de cal é a nosa obriga e de que cómo non debemos actuar.

Imaxe de contenedores en Dena. É esta a vila que queres?
Cabe lembrar que cada tonelada de lixo procesada en Sogama procedente dos contenedores verdes de orgánico cústanos 73,90 euros -ao que habería que engadir o porte- diñeiro  que logo pagamos a tocatella no recibo de lixo. E que, en cambio, o custo da tonelada de lixo dos contenedores de plástico, cartón ou vidro é cero. Polo tanto, facelo ben suporía, amén do menor impacto medioambiental, un aforro para os nosos petos. Así de simple.
Tamén procedería actuar con quen deposita moreas de lixo no monte, a quen o peor que lle pode pasar hoxe entre nós -se o descobren- é que o concello de turno o obrigue a retirar o lixo verquido, baixo a ameaza, eso si, de sanción, cando o que realmente o que procedería sería ambas cousas: retirada e sanción, ou non? (do contrario sae barato infrinxir).
E unha máis para rematar. Ao igual que se sanciona en cidades -ou, teóricamente, deberíase porque existen ordeanzas- a aqueles donos de cans que non recollen os excrementos da sua mascota na beirarrúa, debería facerse o mesmo con quen guinda nela papeis, cabichas dos pitos… en definitiva, con quen ensucia o que é de todos. Porque o que se trata é de ter unha vila e un pobo limpos.  E é que somos latinos, semella que só tomamos conciencia cando nos toca o peto. Sexa pois.



No hay comentarios:

Publicar un comentario