sábado, 11 de junio de 2016

*** Opinión
San Cristóbal

Colea esta semana a decisión do concello de Meaño de non autorizar a celebración da festa de San Cristóbal na área recreativa de Os Pasales. Comisión e goberno local cárganse de razóns en defensa das súas posturas. Certo que Os Pasales, trala remodelación de que foi obxecto e a nova imaxe que ofrece, non semella o lugar máis axeitado polo presumible impacto que unha romaría, con tanta xente, sardiñada popular e demáis podería ocasionar na área recreativa. É o argumento de peso. O outro, que fai referencia as cláusulas de concesión por parte de Costas, semella máis liviano, cabería cando menos, coñecer o verdadeiro espíritu do artigo en cuestión e se del podería quedar exento un evento tan extraordinario como puntual é unha festa na parroquia. Por outra banda a comisión enrocase para non renunciar ao que considera espacio ideal para o espíritu do eventto, porque calquera das outras dúas alternativas que lle ofrece o concello como recinto faríalle perder vistosidade.
Sen entrar nas razóns das partes -cada quen, como digo, cárgase delas- o que sí semella claro é que todo isto podería terse evitado con marxe de tempo é unha dose de talante, que non houbo. Uns e outros saben desde fai tempo cando cae San Cristóbal no calendario, e a situación á que ambas partes ían verse abocadas. Agardar ata fins de maio para adoptar decisións é, cando menos, unha imprudencia cuxas consecuencias podían resultar impredecibles tal é como anda de movido o mundillo político local nesta lexislatura. Calquera o vía vir. Quen fora alcalde de Meaño durante anos, Germán Rodiño, fixo súa unha frase que repetía a xeito de lema: "os problemas iranse resolvendo conforme vaian aparecendo", adoitaba dicir. Tiña a súa filosofía, pero tamén o seu risco. Eu son dos que penso que a clave dos problemas non está en resolvelos, está en previlos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario