sábado, 11 de mayo de 2019

*** Opinión
Rubalcaba
  
Con Rubalcaba foise un home de estado, sensato, intelixente, un parlamentario enorme. Catedrático de Química, que exerceu a docencia na universidade para chegar logo á unha política á que se adicou durante case tres décadas. Cando exerce como ministro de Educación, coñecía ben o  eido, e con el desenvolveuse o gran cambio educativo do último medio século: a ampliación da educación obrigatoria ata os 16 anos (lei LOGSE) emendando o baleiro que deixaba no limbo aos rapaces que non querían seguir estudando entre os 14 e 16 anos, franxa na que, legalmente, non podían traballar. Logo, ministro de Interior, pataca quente do goberno para lidiar con ETA nunha etapa realmente dura, e que completou de xeito admirable. Despois vicepresidente, cartel electoral…
Rubalcaba non era foto estética de cartel, nin político para axitar ás mans como unha cheerleader os pompóns, nin para enervar a voz buscando o aplauso mitinero, nin aura. Foi un grande, discreto, silente, desde a humildade que transmitía en cada xesto, en cada argumento vertebrado que esgrimía coa man do mestre que era, afastándose da crispación ata nos momentos máis convulsos, cun talante, un temple e unha coherencia admirables, e cun senso de humor sorprendente nas distancias curtas. Na política foi contido no triunfo, como elegante na derrota. 
Mesmo entre as eleccións de 2019, co triunfo de Sánchez, e aquelas de 2011, travestidas de derrota de Rubalcaba, non dista apenas nada. Sánchez  con 7,4 millóns de votos, Rubalcaba con 7. Triunfo e derrota, con distancia mínima, explícanse coa dereita unida (2011) e fragmentada (2019), nin máis nin menos. Non existe tanto mérito deste, ni tanto demérito que se lle atribuíu a aquel.
E cando en 2014 Rubalcaba abandoa a política non procurou a porta xiratoria que tantos outros pretenden. Foise co seu selo de dicrección habitual, ao seu: a ensinar Química na Complutense. Como Gerardo Iglesias, que cando deixa o Parlamento volta á á mina. Retiradas íntegras, romanticismo en estado puro.





No hay comentarios:

Publicar un comentario