IN MEMORIAM: SERVANDO
Comedido desde os bancos, de talante tranquilo, revelouse pronto como un formador encomiable para disfrutar e facer disfrutar co fútbol. O entusiasmo da súa dona por este deporte fíxolle doada unha paixón compartida tantas tardes no campo das Cachizas, estampa habitual a súa no graderío.
Servando integraba a comisión que refundaba o Unión Dena en 1966 e, tras retornar da emigración en Holanda, vinculouse para sempre desde o 78 ao clube dos seus amores, mesmo xogando daquela a súa última tempada. Logo, directivo, presidente entre 1983 e 1985, e entrenador de decenas de equipos base. A pesares das ofertas, a súas aparicións nos bancos de séniors foron contadas -ocasionais no Dena para asumir algúns valeiros provisionais, e dúas tempadas no San Miguel de Deiro-, porque a el colmábao a formación dos rapaces. Mesmo rexeitou unha oferta para ser segundo de Pedro Ferreira no banco de Vilalonga nos anos de campaniñas deste clube.
Lástima. Á sociedade meañesa, e mesmo ás administracións locais, faltoulle de sempre a iniciativa para un xesto que lle recoñecera en vida o que tanto tiña merecido, por unha entrega altruista de décadas e cunha sinxeleza tal, que sempre te facía mellor, máis sociable e humano cando estabas con el. Apagouse o faro. O seu legado humilde permañecerá para sempre en todos os que tivermos a fortuna de telo coñecido.
No hay comentarios:
Publicar un comentario