domingo, 23 de marzo de 2014

SAN BIEITO DE LORES,
mito, reliquia e poxas

Cada primavera arranca en Meaño co San Bieito de Lores de Lores, unha mezcla devoción e tradición no santuario que preside a parroquia desde un céntrico promontorio. Nel danse cita o mito e a lenda, a piedade popular, plasmada nunha reliquia do santo, e a festa profana enmarcada polas poxas de preciados galos de corral que se subastan pola tarde ao carón da ermida.

Entre a lenda e o mito
A fonte "santa" ao pe do santuario
Conta a lenda que en tempos pretéritos, cando a comarca padecía unha seca pertinaz, un pastor tiña as suas ouvellas pastando no promontorio, mentras el andaba cavando na procura de auga para elas. Desesperado o pastor pedíu axuda divina por intercesión do santo. Daquela apareceu un ermitaño na beira no outeiro que referíu un punto onde debía cavar. Así o fixo e ao momento brotou alí un xeneroso manantial no que abrevou o seu rebaño daquel día en diante.
Cando tempo despois o pastor voltou a atopar ao ermitaño desviviuse en verbas de agradecemento, pero este díxolle que fora obra diviña e instouno a construir no alto do outeiro unha ermida para loubar a Deus. O pastor así o fixo, empregando para iso rebos e adobe polo que a pequena ermida acabou derruida. O ermitaño reprochoulle que, en pago á solución que Deus lle brindara para sempre, o pastor quixera pagarlle cunha casa de rebos: “constrúe unha ermida -díxolle-, pero unha ermida digna de Deus e non un chamizo de terróns”. Arrepentido o pastor erixíu daquela, coa axuda dos lugareños de Lores, unha ermida en pedra que pouco a pouco foi collendo fama na comarca e empezou a recibir peregrinos. Da fonte, brotada baixo os golpes do legón do pastor, manou sempre auga que curaba as doenzas dos romeiros que acudían a lavar as mans nela. Esta fonte, considerada “santa”, é a que existe hoxe ao pe mesmo da escaleira que leva á fachada do santuario.

Interior do San Bieito de Lores ao termo dunha das misas
Non se ten constancia cronóxica desta lenda pero no ano 1688 sí está acreditada a construcción do santuario e o culto ao santo Bieito en Lores. Daquela, o entonces cura párroco, deixaba escrito literalmente nun docu-mento eclesiástico: “la ermita de San Benito es tan antigua que no se sabe quien la fundó”. O actual promontorio resposta posible-mente a un recheo para constuir aquela ermida sobre un terreo que debía albergar debaixo un cumio de escasa altura a xeito de atalaia que podería ter sido lugar de ritos pagáns, logo cristianizados, o cal nos retrotraería ata o século VI da nota era.
Aquela primeira ermida, máis modesta e de menores dimensións coñeceu ampliacións nos séculos XVII e XVIII. A actual que vemos hoxe, foi erixida no ano 1900 sobre os cementos daquela. Quizáis a referencia que poderiamos ter da primeira capela do San Bieito de Lores atopámola na de San Amaro en Meaño, por canto, segundo reza no primeiro libro de mortos que se conserva nesta parroquia “el licenciado Clemente da Bouzada, que murió en el año 1654, fue el fundador de la capilla de San Amaro sita en esta parroquia de Meaño”, precisando no dcoumento que ésta -que sí se conserva- foi mandada construir a imaxe e semellanza da que había daquela en Lores adicada a San Bieito.

A reliquia de San Bieto de Lores presidindo o altar
A reliquia
O santuario de Lores conserva tamén unha reliquia de San Bieito que supón para os devotos un motivo máis para peregrinar a el cada 21 de marzo e 11 de xullo. Trátase dun minúsculo óso da man do santo que se garda dentro dun relicario que preside o altar durante a novena e que se da a bicar ao termo de cada misa no día de San Bieito, tradición ésta que recuperou en 2012 o cura párroco José Manuel Taibo, que foi o que aotopou o particular tesouro esquecido nun caixón da sacristía.
A autenticidade da reliquia semella avalada por un certificado orixinal emitido no ano 1919 polo propio mosteiro italiano de Montecassino, fundado polo santo no ano 529 e onde o seu corpo foi soterrado tras morrer o 21 de marzo de 547. “A reliquia -recoñece o párroco José Manuel Taibo- non deixa de ser un símbolo e, sobre todo, unha devoción que supón un complemento para esta piedade popular, asociada neste caso a un santuario cuxa construcción está ligada precisamente a un miragre”.


A reliquia de San Blas que se conserva en Simes
O municipio de Meaño conserva cinco reliquias de santos máis. En Lores existe unha  segunda de San Bieito e outra de San Ramón Nonanto, e en Simes vense de redescubrir a través de seu párroco Juan Ventura Reboeiras, tres, atribuidas aos santos Roque, Antonio Abade e Blas, esta última cun selo orixinal con autentificación de Roma que data do ano 1918.  En todos estos casos trátase de minúsculos fragmentos de óso atribuidos aos santos mencionados.
A tradición das reliquias remóntase a cando se descubriron as catacumbas de Roma, consideradas as primeiras sepulturas cristiáns. Nelas recolléronse os ósos de moitos santos canonizados por un Vaticano que era, e segue sendo, o propietario daquelas sepulturas. En ocasións os papas accederon a regalar reliquias a persoas ou santuarios cos que se sentía en débeda. Esta práctica mantívose en Occidente ata bien entrado ó século XIX, repartíndose deste xeito fragmentos de ósos de santos por toda Europa. Non obstante, debe tomarse con cautela a autenticidade de moitas das reliquias presentes en igrexas europeas, e mesmo tamén algunhas das meañesas aquí reflectidas.

Rafael Otero levou catro parellas de galos
As poxas
As poxas é un dos elementos festivos que suscitan maior expectación, e que atraen a moitos curiosos. Pola tarde subástanse diante o público -preto dun centenar de persoas o pasado venres- os animais doados polos devotos como ofrenda ao santo, sendo os galos de corral os exemplares máis preciados.
As poxas deste ano ofreceron os mellores galos dos últimos anos. Desde que a crise da gripe aviar frustrara as poxas do 2006, no San Bieito de Lores non se voltara a vivir outras con galos de tanto peso e calidade. En total subastáronse por parellas 56 galos de corral, con prezos que oscilaron entre los 30 euros da máis barata e os 70 da máis cara e, que xunto con algúns outros animais, reportáronlle ao santo 1.522 euros en ofrendas.
Sin dúbida a sensación das poxas este ano -amén da voz del sempiterno subastador Agustín Rosal- foi Enrique Barral, un veciño de Samieira que, en primeira liña xunto coa sua dona levouse, ahí é anda, nove parellas de galos: “non, non estou ofrecido co santo a mercalas -recoñecía-, pero é tradición vir cada ano coa miña muller a Lores e levarme galos para comer logo coa familia”. “Ahora -continúa- chego a casa, vounos matando pouco a pouco e métoos nun arcón conxelador co que dispoñemos de carne de primeira calidade durante tempo.” Para el foron as tres primeiras parellas, cando o ambiente estaba aínda algo frío e, ao final, o noso protagonista acabou desembolsando 422 euros por 18 magníficos exemplares. Tamén o presidente de Tecor de caza meañés, Rafael Otero, animou as poxas levándose catro parellas.


Momento no que o comprador solta as palomas
As subastas abríronse cunha perica -o único exemplar este ano- que se adxudicou por 100 euros. Acto seguido tomaron o seu protagonismo os afamados galos de corral. Os prezos, un tanto tibios no arranque, acadaron o punto álxido cara a metade da subasta onde varias parellas se adxudicaron por máis de 60 euros, e voltaron a cair lixeiramente ao final. Houbo tamén unha quenda para cinco parellas de quicos, animal preferido por Manuel Bouzada, de Poio, que se levou duas “porque os quicos -afirmaba- teñen unha carne máis sabrosa, e con pataca e un bo repolo está máis exquisito aínda que o galo”. O peche, amén dunha ducias de ovos, foi para unha poxa altruista: a dunha parella de palomas, aves que, seguindo a tradición en Lores, quen as merca as indulta dándolle a libertade ao pe mesmo do santuario e ante o aplauso do público presente, parella que nesta ocasión foi adxudicada por 21 euros.



NOTA: Si queres ver un momento das poxas do San Bieito de Lores deste ano pincha no seguinte enlace e disfrutarás dun intre que semella refrexar un curioso "diálogo elexíaco" entre subastador e perica:

Poxa no San Bieito de Lores

OUTRAS IMAXES DAS POXAS



O subastador Agustín Rosal
Enrique Barral recollendo unha das nove parellas












No hay comentarios:

Publicar un comentario