IN MEMORIAM: CHAN
Abril amenceu onte sábado gris e
treboento no corazón, cunha desas novas que te atravesan como un
lóstrego. Miguel Chan deixounos no día que ía ser o do seu aniversario: 51
abriles que esmoreceron no corazón que se lle rompía, como nun aceno de
destiño. Lembrarémoste sempre, porque os que te temos coñecido neste tempo,
faremos que sigas vivindo un chisco en nós. Fiel á Carreira Popular de Meaño desde fai
máis de 25 anos, valor fixo en cada mesa de dorsais no segundo domingo de
setembro, e co seu traballo na meta con aquel sistema de rexistro con lector de
dorsais a inicios de século, con aquela mítica arenga coñera na Taberna de
Cancela, despois de ter dado conta, naquel encontro da asociación GAM, dun capón de corral, e
queixo con membrillo aos postres. Era o Chan que acaba de irse.
Os encontros fóronse
espaciando coa vida, pero cando te chamabamos cada ano a Milladoiro a fins de
agosto, non dabas respiro e espetabas antes do saúdo: “contade conmigo,
como todos os anos, a mesma hora, no mesmo sitio”. Como un clavo, desde
Milladoiro ou desde o seu Nantes natal á primeira hora da mañán nas festas dos
Miragres en Meaño, para botar a man na Carreira, e reencontrarse cun sorrriso
cos amigos e compañeiros de sempre. Percorrido tanto camiño, a Carreira de
Meaño, sen ti, en parte, nunca voltará a ser a mesma.
Desde a asociación
GAM e desde este particular Ventanuco, a nosa lembranza para ti, para Genma
(cando os dous ata compartíchedes Carreira de Meaño), e para todos os teus. Os
seres queridos nunca vos ides de todo. No fondo, quedas deixando unha muesca nos corazóns tocados para sempre co teu sorriso ausente.
Vídeo da Asociación Cultural e Deportiva GAM
Vídeo da Asociación Cultural e Deportiva GAM
(nota: inclúe a imaxe daquela "arenga coñera")
No hay comentarios:
Publicar un comentario