sábado, 29 de mayo de 2021

IN MEMORIAM: ELÍAS  


Resulta baldío sentarme diante deste teclado, sabendo, amigo, que nunca darei coas palabras xustas, coa distancia exacta, co xesto inmaculado. Elías, coa súa discreción de sempre, dixo adeus mentras maio languidecía. El, que tiña a virtude de convertir en entrañable un momento improvisado arredor dun viño. Un albariño tórnase realmente bo cando o rodea unha boa historia. El tiña ese don. Como naquel outono de 2014, cando aquela pregunta a salto de mata, acabou nunha mesa con dúas cadeiras de forxa á sombra da casa, un albariño improvisado do barril, e unhas deliciosas rachiñas de xamón que baixou Obdulia para aderezar a historia das festas de Paradela. Foi como unha desas películas inolvidables, que se queda grabada no baúl das emocións sobre o que un non decide. Quédanse e punto.

Elías Castro García -de Paradela e meañés ata a médula- fora edil nos anos 90. Formara equipo cos Independentes de Meaño de Jorge Domínguez nos comicios de 1995 e 1999, exercendo como concelleiro en 1995 e 2003. Os seus foron oito anos como representante da  parroquia de Meaño, legando a imaxe dun hombre máis vinculado á fidelidade coas amistades cotidiás que ao partidismo derivado do mundillo político. Para cando as eleccións de 2003, botouse a un lado cando pasaban a imperar outras siglas.

Afable, o seu talante aberto e realmente independente permitiulle manter incólume a identidade. Tamén o fixo en defensa do xigantesco plátano da de Otero para evitar que fora talado. Era outono de 1996 e a nova leuse daquela en toda Galicia. Unha árbore senlleira, en débeda, e que hoxe tributaralle a silandeira homenaxe co adeus desde o alto, murmuriado polo vento entre as follas, cando vexa pasar o seu cadaleito camiño do camposanto. 



No hay comentarios:

Publicar un comentario