As
palabras e os días. Jorge Domínguez anunciaba nesta entrevista publicada en FARO
DE VIGO o 29 de xullo de 2001 a sua decisión de liquidar o proxecto de
Independes de Meaño en 2003, tal e como
de feito sucedeu, e acababa recoñecendo o seu idilio co Partido Partido. Hoxe
traemos a este Ventanuco o orixinal daquela entrevista que marcou un antes e un
despois na historia recente de Meaño.
Jorge
Domínguez acaba de cumprir dez anos na alcaldía de Meaño. Este inxenieiro
agrícola convertérase en 1991 no alcalde máis xoven da comarca do Salnés ó
chegar ó cargo con tan só 31 anos liderando unha candidatura independente que
ganaba aquelas eleccións por maioría absoluta. Cumpre agora a terceira
lexislatura consecutiva amparado na comodidade que lle otorgan as maiorías con
que IM renovou sempre os seus mandatos. Dez anos dan para mirar atrás e parecen
servir tamén como punto de inflexión para novos tempos que se aveciñan.
"TEÑO A ILUSIÓN DE VOLTARME A
PRESENTAR ÁS VINDEIRAS ELECCIÓNS PERO NON POR INDEPENDENTES DE MEAÑO"
- Dez anos de alcalde, que se di pronto,
¿non semellan moitos?
- Creo
que mal levados son moitísimos; pero, vamos, si traballas con ilusión... eu
teño a impresión de que levo tres ou catro.
- ¿E que balance faría desta década,
tanto no eido persoal como político?
- No
eido persoal cambiáronme moito as cousas porque a miña vida anterior a ser
alcalde era totalmente distinta. Desde o principio intentei volcarme co pobo, o
que me levou a trasladar a familia aquí, onde estiven todo este tempo. Estar cerca
do pobo enriqueceume moito porque permitíume vivir desde dentro problemas que
antes vía desde fóra, e que me axudaron a comprender moitas cousas, cousas
pequenas pero que son importantes para as persoas.
No
eido político só podo falar de xestión non de partidos. Neste ámbito destacaría
tres logros: o esforzo feito para que todo o municipio contase con servicios
básicos, o impulso do movemento sociocultural e, por último, que é o que eu
máis valoro, a paz social conquerida no pobo, porque antes había unha serie de
divisións que o noso grupo foi capaz de limar ó longo destos anos.
Jorge Domínguez na entrevista en 2001. Foto J. L.Oubiña |
- ¿Que logros salientaría?
- A
mellora dos servicios da que falaba antes, a estación depuradora de Dena, o
instituto, a dotación de casas parroquiais e pistas polideportivas, e tamén
para nós foi moi importante a vía rápida. A isto poderiamos engadir o plan
xeral de ordenación urbana que modificou
totalmente parroquias como a de Dena ou a creación da zona industrial que deu
300 postos de traballo.
- Mirando hacia atrás, ¿que foi o mellor
e o peor destos anos?
- O
mellor de todo, con diferencia, foi e segue sendo a relación directa cos
veciños; o peor a falta de financiación que teñen os concellos e que fai que os
alcaldes teñamos que ir administración por administración como si foramos
pedigüeños.
- ¿E que lle foi ensinando ese contacto
directo cos veciños?
-
Foime ensinando a comprender, entre outras cousas, o importante que é para un
veciño cousas tan simples como una bache, un bombilla fundida..., que son
cousas que si non falas con el nin te das conta, porque a simple vista a ti
pode parecerche insignificante. Ese contacto é o que te vai facendo sensible
ante eses problemas que nun principio semellan intrascendentes.
- ¿Un reto pendente?
-
Rematar co pouco queda en canto a completar os servicios básicos; o medio
ambiente con atención ós ríos, monte e costa; e as infraestructuras viarias que
non dependen do concello.
- Falemos agora de política e partidos.
¿Como se leva iso de ser independente nun mar de alcaldes do Partido Popular,
entre os cales figura algunha que outra amistade?
- Eu
leveino sempre sendo respetuoso con todos eles e, a cambio, tamén recibín
respeto. Nunca tiven problemas con eles e leveime sempre moi ben, especialmente
cos da comarca, foran da ideoloxía que foran, sempre nos ofrecemos amistade,
colaboración e respeto mutuo.
- Vostede ten afirmado nalgunha ocasión
que Independentes de Meaño era un proxecto a oito-dez anos. Ese tempo xa vai
cumprido ¿e agora que? ¿estase a prantexar novos proxectos políticos?
- É
certo que inicialmente IM era un proxecto que naceu para botar dúas
lexislaturas, e polas circunstancias que foran estamos na terceira. Xurdíu no 91, cando ós tres partidos que había
daquela non se lle vía posibilidades de levar esto adiante, pero naceu coma un
sitio de paso, non coma un sitio onde estar permañentemente. Agora, unha vez
cumpridos os dez anos, pode ser que teña chegado o momento para empezar a
reflexionar que se fai con isto: si nos adicamos á política a través do ingreso
nun partido ou si nos retiramos e
deixamos paso a outros.
- Pero señor alcalde, non nos enganemos,
a decisión con verdadeiro peso dentro de IM é a súa, non en van IM existe
porque vostede está aí, non ten máis razón de ser.
-
Certo que Independentes de Meaño vai a vivir o tempo que eu dure como alcalde
ou candidato. E eu tamén teño que reprantexarme dúas alternativas, e os dez
anos de goberno poden ser un boa data para empezar: unha, rematar a lexislatura
e retirarse de alcalde voltando a miña vida de antes; ou outra, meterme nun
partido e adicarme de pleno á política. Certo que neste último caso tería que
ocupar aquel cargo que o partido me asignase.
- Nesas alternativas non baralla
entonces a posibilidade de repetir como candidado independente nas municipais
de dentro de dous anos.
-
Non, estou casi convencido: no ano 2003 Independentes de Meaño non se
presentará ás eleccións.
- Iso deixa portas abertas para seguir
falando. Vostede recoñecía en setembro do 97 nunha entrevista concedida a FARO
DE VIGO que si un día se decidía a entrar nun partido ese partido posiblemente
se chamase Partido Popular…
-
Sigo tendo a mesma opinión: pode ser que se chame Partido Popular.
- ¿E non hai nada falado estos últimos
meses?
-
Non hai nada, ao menos pola miña parte, incluso non sei si o Partido Popular
estaría disposto a contar conmigo.
- Non me negará que Partido Popular e
vostede levan unha relación moi longa, mesmo xa desde o día seguinte a
proclamarse alcalde no 91, unha relación que a piques estivo de acabar en voda,
a última vez no 97 cando lle ofertan ser o seu candidato a alcaldía de Sanxenxo
para as eleccións do 99. ¿Non cre que a relación está sendo demasiado longa
para non casar e poida que lle estea pasando o sol pola porta?
-
(Risas) Sí, ás veces sucede que si un non casa no momento oportuno despois
enfríase... Certo que houbo desde o principio unha boa relación co Partido
Popular, tamén era o meu deber a nivel institucional. Esos comentarios de
entrar nese grupo político aumentaban cada vez que se achegaban eleccións e, polo
momento, seguen a ser comentarios, agora máis certeiros por esa opinión miña de
que dez anos é un tempo suficiente de vida para o proxecto de Independentes de
Meaño.
- Pero non foron só comentarios señor
alcalde, houbo contactos no seu día: 95, 97...
-
Houbo, digamos, algunhas conversas desde o 91 ata o día de hoxe.
- Algunhas foron propostas firmes señor
alcalde, ¿non estamos asistindo agora a outra fase de propostas moi firmes?
-
Home, eu non o sei, a min directamente o Partido Popular coméntame máis ou
menos o que que comentou sempre, pero de aí a propostas firmes...
- ¿E que é iso que se lle comentou
sempre?
-
Esa posibilidade de que entrara nas filas do Partido Popular.
- E vostede estao a pensar...
-
Non, o que estou pensando é que ó mellor dez son suficientes para o proxecto de
Independentes de Meaño. E iso non ten nada que ver co Partido Popular, ten que
ver cun proxecto que creín eu, o que lle quero moitísimo, e que pretendo remate
na cúspide.
- ¿Decidirá vostede este ano ese dilema?
-
Pode haber posibilidades de que ó longo do ano 2001 se decida, sí.
-
¿Máis ben cuestión de meses?
- Sí
pode ser, porque a este ano non lle quedan máis que cinco. Pero supoño que a
final de ano se tomará unha decisión.
- Para despois das autonómicas entonces.
- Da
igual que sexa antes que sexa despois, o que sí é certo é que eu vou retomar o
tema de pechar o ciclo de IM con motivo dos dez anos.
- ¿Ou sexa que Telmo Martín, amigo
persoal seu, ou Rafael Louzán, todavía non acabaron de convencelo?
-
Telmo Martín é amigo persoal meu e non me presionaría para iso, conforme non o
faría eu con el, en todo caso pode facerme comentarios como compañeiro. O caso
de Rafael Louzán é outro: el é o presidente provincial do PP e como tal mira
polos intereses do partido, pero a min con el non que une unha relación de
amistade coma con Telmo.
- ¿Que peso pode ter a opinión do grupo
de persoas que integran IM para a súa decisión.
- Eu
débome moito a eles, e falo de todos os que estiveron traballando conmigo ó
longo deste tempo. Por iso a súa opinión preocúpame moito. Este ano xa
mantivemos unha xuntanza na que comentamos esa posibilidade, e unha porcentaxe
elevadísima do grupo ve normal que nas próximas eleccións me volte a presentar
eu de candidato pero por un partido político.
- ¿E non teme certo desencanto nas filas
de IM si vostede se decanta por un partido?
-
Non, creo que non. Eu o único que lle pediría ós meus compañeiros sería o
respeto a unha decisión miña, aínda que nalgúns casos non sexa compartida.
- ¿Vai acabar a lexislatura como
alcalde?
-
Sí, sí, vou acabar a lexislatura como alcalde e teño a ilusión de voltarme a
presentar.
- Pero por non por Independentes de
Meaño.
-
Non.
- E sí por un partido político
-
Sí, por un partido.
- E ese partido chámase Partido Popular
-
Ese partido será un partido que... máis ou menos no municipio os que coñecen o
meu xeito de ser, saben máis ou menos de que tendencia podo ser eu.
- Semella que xa hai cousas negociadas, incluso
pactadas.
-
Non hai nada, só o que houbo no 93 ou no 95, o que pasa que antes eu non daba
pe a nada pero agora estou disposto a estudalo.
EL MEJOR POLITICO QUE TUVO MEAÑO.
ResponderEliminar