sábado, 23 de marzo de 2013

Hemeroteca,1999: Germán Rodiño ex-calcalde de Meaño


 Meaño coñeceu desde a transición democrática tres alcaldes. O primeiro deles foi Germán Rodiño González, quen exerceu o cargo entre 1976 e 1991 e que finou en 2007 aos 81 anos de idade. Del rescatamos hoxe para este Ventanuco o orixinal dunha entrevista concedida por él a Faro de Vigo, publicada con data 19 de marzo de 1999 e na que anunciaba o seu adeus definitivo ao mundo da política. Daquela o concello e iso de ser alcalde era moi diferente a hoxe.


Germán Rodiño anunciou esta semana que deixa o mundo da política. Concelleiro nas últimas corporacións franquistas, foi designado alcalde en 1976 pola última corporación que viña do réxime, si ben por entonces estaba empezando a transición democrática. Gañou as primeiras eleccións municipais libres do 79 baixo las siglas da U.C.D. Máis tarde gobernou da man de Coalición Galega a na última lexislatura (1987-91) fíxoo baixo as siglas do Partido Popular. Dende entonces ata o 99 actuou como concelleiro na oposición. Foi alcalde, como lle gusta matizar, "durante quince anos e medio", un tempo suficiente para obrar, aprender e tamén para equivocarse.

"TOMEI A POLÍTICA A PEITO, QUIZÁIS DEBÍN RETIRARME ANTES"

- ¿Como se lle deu a vostede por meterse no mundillo da política alá a fins dos anos 60?
- Daquela sentía devoción por axudar a resolver esas deficiencias que ás veces hai en certas obras e servicios municipais. Buscáronme, non me acordo ben quen, quizáis fora Marcelino Torres ou Benito Otero, e eu xa sentía gañas de participar. Aquelas corporacións estaban compostas por dez membros: o alcalde e logo os concelleiros en base a tres tercios, un por familia, outro por institucións e outro tercio por sindicatos. Eu eu entrei por este último.

Germán Rodiño en 1996 na de Otero
- ¿Como eran aquelas corporacións de finais do franquismo?
- Era un grupo de xente que tamén traballaba para facer algo polos veciños, aínda que había poucos cartos e pouca maquinaria. Naqueles plenos non solía discutirse, aínda que algunha vez eu cheguei a iso. A verdade é que daquela o alcalde tiña moito poder, e tamén influía moito o segredario. Lembro que ás veces o propio segredario non lle gustaba algunha pregunta que un podía facer e ó mellor acábabache constestando con malos modos e palabas. O certo e que os concellais xogaban un papel menor.

- Unha vez morto Franco vostede foi elexido alcalde pola vella corporación en 1976, porque non houbo municipais ata o 79. ¿Foi certa a anécdota que contan de que o anterior alcalde, Marcelino Torres, lle vaticinara un futuro curto na alcaldía?
- A min non mo dixo, pero chegáronmo a comentar. O certo é que a min non me consta de primeira man.

- Hoxe o concello de Meaño manexa presupupostos de 200 ou 300 millóns de pesetas. ¿Lembra por curiosidade canto era o presuposto do concello en 1976 cando vostede entrou de alcalde?
- Seis millóns e pico. Pouco se podía facer con tan poucos cartos.

- ¿Pensa vostede que era máis difícil ser alcalde en Meaño a fins do 70 que a agora nos 90?
- Sí, daquela había que ser indiscutiblemente moito máis sacrificado. Meaño non tiña un funcionario facendo traballos fóra do concello e moitas veces era eu quen facía todo ese traballo, incluso cheguei a andar nalgunha ocasión coa boquilla de botar o aglomerado nos camiños para que as máquinas, que viñan uns días contados, estiveran traballando no momento en que os obreiros estaban descansando. Tratábase se aproveitalas ó máximo. Hoxe o alcalde dispón de máis plans de axuda, de máis cartos, e daquela había que arreglarse como se podía para ir facendo as cousas.

- Os plenos seus eran moito máis movidos, sobre todo si os comparamos cos que hoxe se viven Meaño.
- Sí, eran bastante movidos. A pesares de que dispoñía de maioría absoluta eu daquela tiña unha oposición moi dura. Mareábanme, roíanme, acusábanme, facíanme unha guerra terrible. Foi unha crítica feroz, moi destructiva, onde nada do que facía lles servía. E daquela en ocasións ía a sua xente ós plenos en Meaño, porque poder ir a un pleno era entonces toda unha novidade. E iso daba cancha a algún concelleiro para expandirse diante do público na súa plática e na sua crítica hacia o grupo de goberno. O obxectivo deles era derribar ó alcalde por enriba de todo. Eu hoxe non servo pra facer ese tipo de oposición. O certo é que daquela, estou falando de fins dos 70, había máis interés da xente pola política municipal en Meaño, máis discusión.

Germán Rodiño recibe un recoñecemento de mans do presidente da Diputación, Rafael Louzán

- ¿Algún concelleiro traíao de cabeza naquela oposición?
- Algún sí... ja, ja... sobre todo Laureano García Ruibal, que era o portavoz do P.S.O.E.

- ¿Que logros resaltaría daqueles quince anos como alcalde?
- Martizarche que foron quince anos e medio. Resaltaría que se creou unha infraestructura de camiños e pistas asfaltadas en Meaño como non había outro municipio no entorno, de feito tódalas casas quedaron con camiños asfaltados. Para facer tantos kilómetros, e tendo o concello tan poucos cartos, houbo que recurrir á colaboración dos veciños: eu conquería as máquinas, compraba o morrillo e o necesario para botar o asfalto, e logo os veciños viñan a traballar con ilusión, moitas veces coas suas propias ferramentas, eu entre eles en ocasións. Xa sei que ó mellor non era o sistema ideal, pero foi o único para facer tanto como se fixo daquela en Meaño. Fixéronse ademáis tres pistas polideportivas cubertas, cinco casas de cultura, xestionáronse terreos para conquerir dous consultorios médicos para Meaño, logrouse un colexio máis para o municipio, conqueriuse un terreo en As Covas para facer un complexo deportivo multiusos que non chegou a executarse por ter cesado eu como alcalde no 91, terreo que está hoxe aí abandoado…

- Precisamente vostede colleu a fama de que era un alcalde que traballaba máis nos camiños que nos despachos.
- En parte daquela era necesario que eu estivera nos camiños. Pero tamén estaba no despacho, era o primeiro que chegaba tódolos días ás oito da mañán, ás veces incluso antes, e alí facía da miña propia man os borradores dos escritos para pedir cartos.

- Vostede foi alcalde por U.C.D., por Coalición Galega e polo Partido Popular. ¿Estos cambios obedecían a xiros ideolóxicos ou simplemente a aquelo de arrimarse á árbore que máis sombra daba en cada momento?
- Foron cambios motivados polas circunstancias. Primeiro fun da U.C.D. pero aquel partido desapareceu a princios dos 80. Algunha xente desa fundou aquí Coalición Galega e eu sentinme chamado a integrar aquel novo partido, que tamén logo acabou fóra da escea política. Finalmente entrei en Alianza Popular porque, todo teño que dicilo, eu sempre sentín, xa desde mozo, unha admiración moi grande por Manuel Fraga, e sígoa sentindo. E iso que cando eu entrei nese partido, que logo se transformou en Partido Popular, non estaba precisamente en tan boa situación, porqque era cando a Xunta estaba gobernada por aquel goberno tripartito do que non formaba parte Alianza Popular. Sempre foron as circunstancias ás que en boa parte me obligaron a cambiar.

Germán Rodiño nunha viaxe a fins dos anos 90
- Cando as eleccións dos 91 ¿ata que punto influíu na victoria de Jorge Domínguez que él traballara os últimos anos como funcionario do concello baixo as suas ordes?
- Influíu bastante, a min iso non mo quita ninguén da cabeza. Sí, porque empezou a coñecer máis xente, a solucionarlle os problemas cada vez que a veciños acudían ó concello. El, cando entrou no concello, xa o fixo coa intención de dar ó salto á alcaldía, ainda que a min nunca mo comentara. E tamén supoño que lle servíu para coñecer de primeira man os meus defectos, que algúns teño.

- A etapa do 91 para acá como concelleiro na oposición ¿mellor esquecela?
- Recoñezo que non traballei coa entrega que viñera tendo antes e que fun algo pasivo, non teño porque negalo.

- ¿Tal vez Rodiño non soubo retirarse a tempo?
- Home, quizáis. No 91 xa non digo, pero no 95 sí; eu quería deixar e pretendía que Manuel Lores fora xa o candidato, incluso aceptara nun principio pero ó final Lores botouse atrás.

- ¿Como valora vostede estos oito anos de goberno de Jorge Domínguez?
- Eu non vexo nada especial, nada diferente en canto ó programa que se viña executando. Completou as casas de cultura, agora anda cun polígono industrial do que xa había un anteproxecto feito cando eu estaba, pero para elaboralo doutro xeito, que para min agora vai un pouco sin orde aparente. O que ten que solucionar é ese vertedeiro de lixo que hai en Fontefría porque é inconcebible que se siga queimando basura aí arriba, algo que está resultando dañino para todos, máxime cando xa hai unha planta de tratamento de residuos que está funcionando.

- Defina en tres palabras a Jorge Domínguez
- Foi un oportunista que se presentou a alcalde e votáronno.

- Manuel Lores
- Un home sensato, con capacidade, que lle falta experiencia, pero que confío en que debía facer un bo alcalde.

- ¿Que lle deu a política a vostede en todos estos anos?
- Nada, excepto a satisfación da traballar en favor dos semellantes.

- ¿E que lle quitou?
- Algo de saúde porque o levei moi a peito.

- Dentro de outros quince anos e medio gustaríalle que a xente lembrara a Germán Rodiño como...
- Coma un home corriente, que tratou de traballar para que Meaño progresara e que non lle fixo daño a ninguén.

4 comentarios:

  1. Germán, todo un personaxe.

    ResponderEliminar
  2. Ler de novo este articulo faime regresar anos atrás, e recordar a un home cheo de iniciativas, de ideas pero sobre todo de vitalidade.
    Pos que coñecemos a outra cara de Germán Rodiño, mais ala da política, ou da vida publica, esta é unha gran oportunidade para emoción, sobre todo, porque el xa non esta aquí para opinar con nos, cos da casa, cos de sempre, as suas teorías a veces políticamente “non correctas” pero en moitas ocasions practicamente “ moi acertadas”.
    Enfin, eu creo que a xente do concello recordará o “alcalde Vello” como él quería ser recordado: “un home corriente, que traballou arreo para que Meaño progresara e que non lle fixo daño a ninguén. “
    Moitas gracias por este recordo

    Charo

    ResponderEliminar
  3. UNA PERSONA QUE TRABAJO PARA EL PUEBLO,A VECES LE PERDIA UNPOCO SU CARACTER .CON POCOS MEDIOS HIZO MUCHO.UN BUEN ALCALDE AUNQUE CREO QUE POCO RECONOCIDO.

    ResponderEliminar
  4. Germán Manuel RODIÑO GONZALEZ,persona loitadora como ningen,e agente forestal a sus auténtica paixon

    ResponderEliminar