sábado, 2 de noviembre de 2013

Meañeses polo mundo (III): BÉLXICA
“Manu” Crespo Otero / Bruxelas

Manuel Crespo Otero, “Manu”, ten 37 anos e vive en Bruxelas desde seis. Este meañés cursou a carreira de Dereito na Universidade de Santiago de Compostela, logo fixo un máster en administración local e, grazas a unha beca, foise para capital belga a traballar na Fundación Galicia-Europa. Hoxe faino na Comisión Europea dentro da Dirección Xeral de Agricultura. Desde alí cóntanos como é Bruxelas e a sua xente e, sobre todo, como nos ven os belgas. Tamén aproveita para deixarnos algunhas recomendacións por si algún meañés decide visitar a cidade.

Manuel Crespo (fillo e pai) no Parque do Cinquentanaire en Bruxelas

“BRUXELAS É UNA CIDADE MOI ECLÉCTICA, SEMELLA FEITA A RETAZOS”

-       Cómo acaba un meañés como ti en Bruxelas?
-    Todo xurdíu en 2007 cando obtiven unha beca de traballo na Fundación Galicia-Europa en Bruselas, que é un organismo de representación de Galicia diante das institucións europeas, e daquela víñenme para acá. Con esa beca estiven traballando un ano e tres meses, e despois concedéronme outra da Comisión Europea para facer prácticas na Dirección Xeral de Agricultura. En 2010, que foi o ano da última presidencia de España na U.E., abriron prazas de contrato para traballar na Representación Permañente de España diante da Unión Europea, un organismo que depende directamente do Ministerio de Asuntos Exteriores. Buscaban un perfil que se axustaba ao meu, con idiomas, experiencia previa… Presenteime e aquí estou desde entonces traballando dentro Dirección Xeral de Agricultura nunha unidade que se encarga de controlar que non se cometan infraccións contra a lei comunitaria por parte dos estados membros, de atender as queixas das administracións dos diferentes países sobre as dificultades de aplicación do dereito comunitario no seu territorio, etc.
-       Pensas quedarte aí para longo?
-       Uf, non sei, pero de momento estou contento.
-       En que zona de Bruxelas vives?
-     Bruxelas é unha cidade grande que está dividida nun vintena de comunas, que son como concellos pequeniños. Eu vivo nun piso compartido na comuna de Etterbeek, a uns 10 minutos do centro en metro.
Manu Crespo no centro, de pe, con compoñentes da banda de Meaño ek Kerkrade
-     Bruxelas non está moi lonxe da cidade holandesa de Kerkrade onde este verán non perdeste a ocasión de ver á banda de Meaño, da que ti formaches parte no seu día, no World Music Contest de Kerkrade onde se fixo co primeiro premio. Que opinión che mereceu?
-    A verdade é que fixo unha actuación fantástica, soaba como un orquesta clásica. É un premio de repercusión mundial no mundo das bandas de música e para min foi todo un orgullo estar alí.
-     Dicía a canción que había “un galego na lúa”, polo que supoño que tamén haberá por Bruxelas, non si?
-       Sí, cando estiven traballando na Fundación Galicia-Europa coñecín a moitos. Logo tamén sei de outros que traballan nas institucións de Unión Europea ou en lobbys que están aquí para defender os seus intereses perante a U.E. Entre algúns montamos aquí unha asociación cultural que se chama "Couto Mixto de Bruxelas" co obxecto de tratar de manter e divulgar aquí a cultura galega. A través dela temos organizado xa varios actos como unha conferencia co escritor galego Miguel Anxo Murado, que escribe no The Guardian e que viña de publicar o seu libro “Outra idea de Galicia”, un concerto do grupo galego Marful…
Exemplo da "bruxelización" da que fala o noso protagonista
-       Cómo é á cidade de Bruxelas?
-    É unha cidade moi ecléctica, todo unha mezcla de estilos, razas, culturas… Semella feita a retazos, froito moitas veces da numerosa inmigración. Por iso é doado atoparse con congoleses, magrebíes, turcos, italianos, portugueses, españois… Velo perfectamente si fas unha pequena viaxe en metro ou si te adentas nunha rúa comercial na que, en pouco tempo, escoitas falar en seis ou sete idiomas diferentes. A cidade ten zonas preciosas ao lado de outras que son horribles, belas casiñas ao lado de edificios de formigón carentes de personalidade arquitectónica… Isto é o fenómeno que en arquitectura urbana se deu en chamar “bruxelización”.
-      É Bruxelas a Meca ideal para aprender idiomas?
-      Sí e non. É certo que te atopas con moitos, pero é difícil facer unha inmersión real nun desos idiomas. Para escoitar moitas linguas é bo sitio, pero si o que queres é aprender un idioma concreto o mellor é ir ao país onde só se fale esa lingua, non a Bruxelas.
-       Bélxica vive tamén o seu conflicto entre norte e sur, non sí?
-       Sí, o sur é a Wallonie, que é a rexión francófona, onde o francés é o idioma. Logo está o norte que é Frandes, onde falan holandés. E no centro atópase a rexión de Bruxelas-capital, na que o idioma dominante é o francés, pero que, sin embargo, territorialmente estaría na zona flamenca. Existe pois unha división forte entre valóns e flamencos, tanto que emerxeu un nacionalismo flamenco que avoga incluso pola independencia. E no medio está monarquía tratando de soldar todo isto.

No medio dos campos de tulipáns na veciña Holanda

-       Que é iso de Bruxelas que importarías para unha cidade galega ou española?
-     O ben que funciona a rede de transporte público. Aquí hai unha rede fantástica: tranvía, metro, autobuses… E tamén o gusto polas actividades culturais: calquera local ofrece música en directo e con moi diferentes estilos, gostan de ir ao teatro, ao cine… e non só por ocio, senón porque valoran esa cultura. E todo isto ofrécese a prezos razoables, pensando en tódolos gustos, e con moi poucas colas.
-       E que é o que non te traerías de aí para acá?
-       O copago sanitario. Aquí hai que pagar por ir ao médico e, se tes que ir a un hospital, a factura pode ser tremenda. Certo que se a enfermidade é grave está cuberta, pero se non métenche un bo sablazo.
-       É Bruxelas unha cidade cara para vivir?
-       Bastante, sobre todo á hora de mercar.
-       Ponnos exemplos…
-       Un corte de pelo, 20 euros; un bolete de pan, 2 euros; unha baguette normaliña custa máis de 1 euro; un kilo de dorada, 17… Certo que os salarios son máis altos que en España, pero tamén pagan máis impostos. A cambio, teñen baixa por maternidade máis ampla, garderías, paro indefinido…
Na Grand Place cos seus pais
    -       …Paro indefinido?
   -       Si, se tes un contrato belga e traballas máis de un ano e pico, tes dereito a un subsidio de desemprego. Ese paro que vas cobrando vaise reducindo co paso do tempo ata unha cuantía mínima, pero a partir de aí non na perdes nunca… podes estala cobrando cinco ou dez anos despois se non atopas traballo.
   -  Falando de traballo, coa crise que hai en España, é Bélxica un bo destiño para emigrar na procura de traballo?
 - Aquí existe moita rotación no emprego, isto é, contratos curtos, muda de traballo constante... Hai máis emprego na zona de Flandes que está no norte e que conta con cidades como Amberes, Gante… que son máis potentes. En cambio, en Bruxelas hai bastante paro.
-       Visto por un galego, como son os belgas?
-       O primeiro que che chama a atención deles é que teñen unha gran cultura da cervexa. Esta bebida é aquí o que o albariño en Meaño… e non lle digas a ningún que a cervexa alemaña é mellor!. Polo demáis son xente que teñen menos vocación de servizo que en España. Por exemplo, se vas a unha tenda e pecha as 18 horas, 15 minutos antes xa non te deixan entrar; se tes que reparar a lavadora, pásache o técnico e non están na casa podes ter que agardar semanas enteiras para que volte. As formas de trato son máis corretas en apariencia: moito “por favor”, “gracias”… pero o fondo non é tan bo como en España.
-       E como nos ven eles a nós?
-      Saben que España non é unha entidade única, distinguen ben entre cataláns, galegos, vascos e demáis. Certo que na situación de crise en que está España esaxéranse os tópicos e ata aquí chega tamén a mala imaxe da clase política española. De España nos medios de comunicación belgas ten moita cobertura todo o relacionado coa monarquía e tamén, últimamente, cos escándalos de clase política, o caso Bárcenas e demáis.
Foto dos seus pais, Crespo e Isolina, exercendo de turistas
ao uso diante do "Mannekent Pis"
-       Fai as veces de guía turístico para un meañés que se achegue por Bruxelas. Que non debe perderse?
-      A Grand Place, rodeada toda ela de casiñas flamencas, con edificios dos gremios medievais; o “sablon” que é unha zona de tendas e mercado de antigüidades que inclúe o parque Egmont; visitar nas afóras o “Atomium”, que é un edificio da exposición universal que reflicte a estrutura do átomo, e o Mont Des Arts que é a zona do Pazo Real con belas vistas a cidade, e o Museo da Música. E no centro, foto obrigada xunta o “Mannekent Pis” unha pequena estatuiña duns 60 centímetros que se atopa no curruncho dunha rúa do centro e que amosa un neno de tres anos mexando, é a típica foto de turista que pasa por Bruxelas.
-    E gastronómicamente, que non debemos deixar de probar?
Típico goffre "au chocolat" de Bruxelas nas mans de Manu Crespo
-       Unha cervexa na zona do centro, unhas patacas fritas e, de postre, un goffre que é moi típico de aquí. O certo é que o goffre de Bruxelas é toda una matáfora da cidade: un rectángulo perfecto, moi bonito por fóra pero que por dentro está vacío, só ten aire, pero ao final góstache. E se un quere un prato máis fondo probar unha “carbonada” que unha carne tenra estofada con salsa de cervexa.



OUTRAS FOTOS PARA COÑECER BÉLXICA. Todas as fotos desta entrevista son xentileza de Manu Crespo

Serres Royales: invernadoiros da familia real na zona do Atomium que abren ao público só duas semanas ao ano no mes de maio


Pais do noso protagonista con amigos en Gante
Mannekent Pis


Catedral gótica de Bruxelas pola noite, templo éste adicado a San Miguel e Santa Gúdula



Mont des Arts, con vistas da torre  da GP ao fondo


A Grand Place á última hora da tarde


A Grand Place de noite




Pazo Real en Bruxelas


Estampa de Bruxelas nevada































A cidade de Ghent ou Gante de noite











Xogando un partido de fútbol á tardiña na praia



No hay comentarios:

Publicar un comentario